Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O presidente da Xunta destaca que a inversión de Fomento en Galicia acada a cifra histórica de 1.100 millóns de euros

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, afirmou que a inversión do Ministerio de Fomento na nosa comunidade para o vindeiro ano, acadará a cifra histórica de 1100 millóns de euros, o que supón “ un crecemento sustancial respecto ao presuposto anterior”.

Touriño destacou que os presupostos para Galicia en materia de infraestructuras crecerán en 250 millóns con respecto ao 2005, o que significa que se incrementarán un 29,4%.

O titular do goberno galego afirmou que estas cifras permiten superar o obxectivo planteado de que a inversión do Ministerio de Fomento en Galicia esté moi por riba do peso poboacional 8,5% fronte ao 6,5% (peso poboacional de Galicia no Estado). Sinalou que estas cuantiosas partidas permiten que as prioridades comprometidas por Zapatero se vexan claramente reflectidas nos presupostos garanten que se fará fronte aos proxectos estratéxicos pendentes de realizar en Galicia.

Asegurou que “ Galicia é unha das comunidades autónomas nas que máis crece o investimento”. “Galicia crece máis do dobre que a media do Estado en inversión pública en infraestructuras, xa que mentres esta crece o 12,4% no conxunto do Estado, en Galicia increméntase nun 29,4%”.

En concreto, o presidente da Xunta subliñou que estes “históricos orzamentos supoñen unha aposta extraordinaria polo ferrocarril con 150 millóns de euros de incremento con respecto ao 2005”. Este incremento permitirá acelerar a inversión na conexión de Galicia en alta velocidade coa meseta, no tramo Ourense- Lubián, e servirán para apurar os prazos para a construcción do ferrocarril do eixo atlántico, co obxectivo de que esté rematado nesta lexislatura. Afirmou ademais que permitirán dar un impulso definitivo a autovía do Cantábrico e que en portos e aeroportos, a inversión crecerá por riba do 30%.

Pérez Touriño afirmou que “estamos ante cifras das que me sinto realmente satisfeito porque permiten consolidar os grandes proxectos estratéxicos que tiñamos pendentes, recuperar retrasos e afrontar déficits históricos, acadando cifras que suporán unha inxección de recursos extraordinaria para a nosa economía e infraestructuras”.

“Queda claro o compromiso do goberno de España con Galicia, co seu desenvolvemento en materia de infraestructuras. “Galicia recibe un trato extraordinariamente positivo alcanzando esa cifra de 1100 millóns de euros” concluíu.


O Presidente da Xunta asegurou que “estes presupostos do Estado significan unha aposta clara polo reequilibrio e a solidariedade”. “Si comparamos a inversión do Ministerio de Fomento en Galicia e en Cataluña, Galicia sae claramente discriminada positivamente, en mellor posición que Cataluña, temos máis inversión en relación coa poboación que a que ten Cataluña e medramos máis que Cataluña” aclarou.

Compromiso coas políticas sociais

Touriño sinalou ademais a aposta dos presupostos do Estado pola educación, pola investigación, polas políticas sociais, e en especial destacou o compromiso co crecemento das pensións e a creación de emprego. Para Touriño estes presupostos, claramente sociais, “beneficiarán enormemente ás comunidades, que como a nosa, teñen aínda graves déficits en materia social”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia