Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Consellería de Vivenda e Solo fomentará a eficiencia enerxética nas vivendas galegas por medio dun convenio co Instituto Enerxético de Galicia

A Consellería de Vivenda e Solo establecerá un convenio de colaboración co Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) co obxectivo de incrementar as actuacións dirixidas ao aforro enerxético nas vivendas galegas, tanto de nova construción como rehabilitadas.


A directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, mantivo unha xuntanza co director do INEGA, Xoán Ramón Doldán, co fin de ampliar o convenio que ata o de agora mantiña este organismo co Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), co obxectivo de darlle estabilidade a esta colaboración por medio de convenios que inclúan a totalidade da lexislatura.

Ata o de agora a colaboración entre Inega e IGVS centrábase no control de calidade enerxética das vivendas, prevendose que a nova colaboración permita a realización de experiencias pioneiras con novas tipoloxías construtivas, a realización de estudos de eficiencia enerxética nas vivendas galegas, e a colaboración entre a consellería de Vivenda e Solo e o INEGA na rehabilitación de vivendas xa existentes, mellorando a súa eficiencia enerxética e establecendo as bases para a realización de actuacións dirixidas á formación de profesionais e empresas da construción no ámbito do aforro enerxético.

Encarna Otero sinalou que “a subdirección xeral de Habitabilidade e Calidade da Edificación da Consellería de Vivenda e Solo pon en marcha un campo de traballo novo relacionado co aforro enerxético a través de novos materiais construtivos, o estudo da ubicación no territorio das construción e novas tecnoloxías enerxéticas que permitan aforro e reduzan a contaminación”. A directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda salientou ademais que tanto a nivel do Estado como da Unión Europea se están modificando os códigos de habitabilidade para a aplicación da normativa de Kyoto.

Segundo explicou Encarna Otero, a Consellería de Vivenda e Solo centrará unha parte importante das súas actuacións na rehabilitación de vivendas xa existentes, sen por iso abandonar as vivendas de nova construción, nas que se experimentarán novas tipoloxías construtivas que tanto en materiais como en ubicación aforren enerxía dende o principio e conten con enerxía propia, eólica ou solar. Asemade, salientou que o incremento inicial do custe das vivendas por causa destas melloras na eficiencia enerxética das mesmas, vese rapidamente compensado pola redución na factura da enerxía empregada no fogar, o que a longo prazo significa un aforro para o consumidor, ademais de ter unha influencia positiva sobre o medioambiente.

Experiencias en marcha

A Consellería de Vivenda ten xa en marcha unha experiencia piloto de aplicación de enerxías renovables (solar e eólica) nun grupo de vivendas de promoción pública que están a construírse no concello de Xermade, na provincia de Lugo.

Trátase de 12 vivendas unifamiliares, que estarán dotadas de instalacións para a produción de auga quente e enerxía eléctrica por medio de paneis solares e aeroxeneradores.

Instalaranse 45 metros cadrados de paneis solares para auga quente sanitaria e calefacción por medio de chan radiante. Ademais contarán, como apoio, cunha caldeira de gas de baixo consumo.


Asemade, instalarase un kit de paneis solares fotovoltaicos e catro aeroxeneradores que permitirán xerar a enerxía eléctrica precisa para a iluminación de zonas comúns.

Doutra banda, as vivendas irán dotadas de lámpadas de baixo consumo de 20 vatios (equivalentes a 100 vatios en bombillas de incandescencia), que permitirán reducir entre un 20 e 25 por cento o consumo en iluminación no interior das vivendas.


As 12 vivendas que se están a construír en Xermade disporán dunha superficie de 90 metros cadrados útiles, con tres dormitorios, salón, cociña e dous baños, así como aparcamento e trasteiro.

Entre os acabados, cabe destacar que o chan das vivendas será de baldosa de gres e parqué de madeira, a carpintería interior de madeira vernizada e a exterior de aluminio lacado en cor.

O investimento para a construción destas vivendas acada os 976.470,59 euros, estando previsto o seu remate para o primeiro semestre de 2006.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia