Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O alcalde de Oleiros cominicoulle á delegada da Vicepresidencia a reapertura do Pazo de Arenaza

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, comunicoulle á Delegada Provincial na Coruña da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, Tareixa Novo, a súa decisión de reabrir o Pazo de Arenaza a comezos do vindeiro ano, devolvéndolle o labor para o que foi aberto no seu día: servizo de atención ós maiores. Neste sentido, García Seoane dixo que a previsión é de continuar como Centro de Día, sen prexuízo de levar a cabo a súa proposta de dispoñer tamén de dez prazas de residentes completos no seu día, iniciativa que foi moi ben acollida por Tareixa Novo, e para a que amosou a súa plena colaboración unha vez o concello propoña a concreción da devandita colaboración.

Tareixa Novo visitou as instalacións deste Pazo de Arenaza, así como o Centro da Terceira Idade de Oleiros –dependente da Xunta-, o Departamento de Servizos Sociais e o Centro de Formación Ocupacional para diminuídos físicos e psíquicos Aspadisol, onde ademais de percorrer as instalacións, trasladouse –acompañada pola concelleira de Servizos Sociais do concello, Elena Otero, así como pola directora de
Aspadisol Marisol Núñez- a uns xardíns privados nos que alumnos do Centro realizan os traballos prácticos. Tareixa Novo amosouse aberta a colaborar en todo tipo de proxectos en Oleiros, que impliquen a integración dos sectores sociais máis desfavorecidos.
Carmen Carballo (Comunicación Concello de Oleiros - A Coruña)