Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Innovación e Industria anuncia un plan de coordinación das oficinas de información turística da Xunta e dos concellos

Deste xeito, aquelas entidades locais que o desexen poderán beneficiarse da firma dun convenio de colaboración co goberno galego para unificar a información turística e as bases de datos dispoñibles en todas as oficinas. Asemade, os concellos tamén terán a posibilidade, se así o solicitan, de constituír novas oficinas xestionadas conxuntamente coa Xunta.

Co gallo da celebración do Día Internacional do Turismo, o departamento dirixido por Fernando X. Blanco quere subliñar a importancia económica e social do sector no conxunto da nosa economía, onde xa representa o 12% do PIB e o 13% do emprego xerado no país. Neste sentido, a consellería está a traballar para mellorar e diversificar a nosa oferta turística, impulsando políticas de ordenación, fomento e promoción do turismo desde a perspectiva da calidade e respectando o principio de sostenibilidade como referencias fundamentais.

Innovación e Industria actuará en aspectos como a modernización e actualización da imaxe de marca galega, a mellora das infraestruturas, a incidencia do noso destino nos diferentes mercados ou a formación dos axentes do sector. Para a consellería, o sector turístico galego ten unhas excelentes perspectivas de futuro, pero compre profundizar nun amplo abano de elementos que garanta o éxito de Galiza como destino turístico: dende a posta a punto da oferta e a diversificación da mesma, ata a actualización permanente de coñecementos por parte dos profesionais que prestan os diversos servizos, pasando pola incorporación da I+D+I ao sector ou por compatibilizar turismo e medio ambiente. A calidade é, en resumidas contas, a grande aposta de futuro do goberno galego para o sector turístico do país.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia