Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Consellería de Vivenda e Solo modificará o decreto que regula a bolsa de aluguer para introducir mecanismos que eviten un uso fraudulento das subvencións destinadas a inquilinos e propietarios

A Consellería de Vivenda e Solo modificará os decreto 233/2004 que regula a Bolsa de Aluguer coa finalidade de establecer os mecanismos de control e de xestión adecuadas para evitar calquera uso fraudulento ou abusivo nas subvencións que se conceden tanto a inquilinos como a propietarios.

A titular da Consellería, Teresa Táboas, xa encargou un informe técnico tras detectar importantes anomalías no funcionamento do actual sistema, -pese a ser presentado como unha das actuacións estrela da pasada Administracións-. Na actualidade, a Xunta subvenciona ata o 60% do custe do aluguer aos inquilinos e concede ata 6.000 € de subvención a fondo perdido para os propietarios para reformar o inmóbel.

Entre as anomalías detectadas figura o cada vez maior número de contratos xa asinados previamente entre particulares, que se rescinden para beneficiarse da bolsa de aluguer, algo permitido no actual decreto, pero que na práctica está a ser aproveitado polos propietarios para elevar a renda, sobrecuste que asume o inquilino con cargo a subvención.

En concreto, o 84% dos contratos asinados pola bolsa de aluguer chegan pactados dende fora, e o 36% corresponden a contratos preexistentes que se rescinden para darse de alta de novo a través da bolsa e cobrar a subvención.

Outra das irregularidades ven provocada polo elevado número de persoas que declaran ter ingresos cero, que ascende ao 18% do total, o que provoca unha dobre disfunción. Por un lado, nesta categoría están os estudiantes aos que non se lles esixe a renda da súa unidade familiar á hora de conceder a subvención, o que abre a porta á financiación do aluguer a mozos sen salario pero procedentes de familias con elevados ingresos.

Por outro, inclúe aquelas persoas que declararon ingresos cero no momento de pedir a subvención porque se esixe a declaración da renda do ano anterior, co que pode xa estar traballando no momento en que pide a subvención e percibir un ingreso que, de terse en conta, reduciría a contía da axuda á que ten dereito ou incluso a eliminaría se o salario supera 3 veces o IPREM (equivalente o antigo SMI).

Igualmente, o informe encargado pola Consellería detectou a coincidencia de varias subvencións de rehabilitación a un mesmo propietario, e un incremento do custe medio de alugueres, porque o actual decreto non establece ningunha relación entre o prezo da vivenda e os metros cadrados dos que dispón.

Ademais, a bolsa de aluguer posta en marcha pola pasada Administración ten unha evidente carencia de persoal, o que se traduce nun deficiente servizo aos usuarios que ten provocado unha acumulación cada vez maior na xestión de contratos. A Consellería de Vivenda e Solo, que preside Teresa Táboas, xa estudia a reforma do actual sistema e deu orde para que, á maior brevidade, se introduzan os cambios necesarios que freen a existencia de fraude e evite a utilización irregular da Bolsa.

A titular de Vivenda e Solo explicará no Parlamento todos os cambios que se leven a cabo na Bolsa de Aluguer, unha vez modificado o decreto.



Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia