Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Emilio Pérez Touriño expón a Vía Galega de desenvolvemento autonómico, baseada nos principios de identidade e solidariedade interterritorial

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, avogou por profundizar no autogoberno das Comunidades Autónomas e na realidade pluri-identitaria do Estado español. Durante a súa intervención nos Desayunos Informativos de Europa Press, o titular do Goberno autonómico expuxo e defendeu a “Vía Galega” de desenvolvemento autonómico, baseada nos principios de identidade e solidariedade interterritorial.

“A Vía Galega será a liña de desenvolvemento autonómico no que convivan identidade e solidariedade. Non creo noutro camiño, aínda para o caso, como así aspiro e espero, no que deixemos de necesitar da solidariedade dos outros”, asegurou o titular do Goberno galego.

Na súa exposición, Emilio Pérez Touriño sinalou que a proposta que el presenta contén unha dimensión capital “de igualdade”, unha “inquebrantable” vocación igualitaria entre os territorios como fundamento do proxecto colectivo. “A solidariedade interterritorial e a corresponsabilización fiscal constitúen os piares básicos da súa estrutura e dinámica institucionais”, asegurou.

Así mesmo, o presidente da Xunta tamén sinalou que a reforma que el defende contempla o recoñecemento de España e da nación española, pero tamén o de outras “identidades igualmente nacionais que conviven dentro e conxuntamente con ela”. “España é tamén unha nación, e non tanto polo seu pasado canto polo seu futuro” pero “non é unha nación única, homoxénea, exclusiva no seu territorio, senón que alberga no seu interior diversas realidades, algunhas delas, así mesmo, nacionais”, engadiu.

Por iso avogou por levar a cabo reformas estatutarias que profundicen na lóxica do “goberno e autogoberno compartido”, sen que isto supoña unha minorización do papel do Estado como “xestor neutral da solidariedade, non só económica, tan necesaria para a convivencia como a propia profundización no autogoberno”, asegurou.

Os principios nos que se basea a Vía Galega

Emilio Pérez Touriño considerou que, para profundizar no autogoberno é preciso diagnosticar os déficit máis importantes do actual Estado das Autonomías, concretar as solucións máis idóneas para subsanar as súas carencias e poñer a punto unha nova formulación identitariamente plural da nación española, no terreo do discurso, as estratexias, o liderato e a cultura política.

Nesta liña, explicou que a Vía Galega pretende dar cabida ás diversas “vontades identitarias” que conforman a España plural, partindo de tres supostos básicos: primeiro, a existencia “pacífica, beneficiosa, enriquecedora cultural, política e economicamente de varias nacións no seo dun mesmo Estado”, consensuando un proxecto común de convivencia, que é así mesmo, nacional; segundo, que a convivencia entre comunidades para a realización dun proxecto común non estea desasistida dunha estrutura institucional de garantías de solidariedade; e, terceiro, que a reforma do Estado das Autonomías se aborde en canto “sistema de gobernanza multinivel e do principio de subsidiariedade”, tanto no ámbito supraestatal como no infraestatal, de xeito que o proxecto autonómico teña en conta unha óptica municipalista que apunte un horizonte de reforzo e potenciación dos gobernos locais.

Reformas estatutarias

Para a consecución dos obxectivos que pretende acadar a “Vía Galega” de desenvolvemento autonómico son precisos, segundo Emilio Pérez Touriño, “seis ámbitos de reforma estatutaria, todos eles –engadiu- abordables dentro dos límites que a actual Constitución impón”.

Estes seis ámbitos de reforma incluirían a incorporación en cada Estatuto de Autonomía dos sinais de identidade que “nutren e delimitan a riqueza da España plural”, incluíndo o desenvolvemento de elementos simbólicos, culturais e lingüísticos; o desenvolvemento máximo de competencias, garantindo, mediante un modelo de cláusulas “intelixentes e comprensibles”, a imposibilidade de mecanismos de inxerencia por parte do Estado, buscando sempre a eficacia para o cidadán; a inclusión dun sistema de regras de resolución de conflitos normativos entre o Estado e as Comunidades Autónomas, buscando a simplificación e clarificación que evite os conflitos xuridiscionais; a elaboración de mecanismos formalizados de colaboración e coordinación, tanto a nivel bilateral como multilateral; a incorporación de novos dereitos cidadáns que non necesariamente inclúan garantías xurisdicionais; e a necesidade de incidir “sen complexos” no desenvolvemento de réxime local e do ordenamento territorial interno.


Autogoberno e goberno compartido

O obxectivo final, segundo explicou o presidente da Xunta de Galicia, é conseguir un maior nivel de autogoberno co fin de que “as decisións estean máis próximas aos cidadáns” e para “realizar as políticas públicas de principio a fin, e responder a elas”. Pero tamén se trata de conseguir un “goberno máis compartido”, xerando mecanismos de cooperación e coordinación, tanto a nivel bilateral como multilateral, xa que, segundo resaltou Pérez Touriño, “o que nos fai diferentes non debe ser o que nos separe, senón o que nos una, o que nos invite a todos a compartir esa realidade que se chama España”.

O titular do Goberno galego tamén asegurou que a vía que propón se traduciría, no que ao primeiro aspecto se refire (máis autogoberno), nun reforzo competencial que incentivaría a calidade democrática representativa, a corresponsabilidade fiscal, contribuiría á eliminación da administración dual e suporía o reforzamento do Poder Xudicial da Comunidades Autónomas, tanto a efectos xurisdicionais, como de goberno da xudicatura.

En canto ao segundo aspecto (conseguir un goberno máis compartido), a proposta que defende traduciríase na reforma do Senado como cámara territorial; na reformulación das conferencias territoriais que coordinen a maximización dos recursos dispoñibles; na activación dos convenios entre comunidades; na reactivación da Conferencia de Presidentes, e tamén na creación de canles participativas estables na política europea, etc.


Galicia, chamada a ser referente


Na súa intervención, o titular da Xunta defendeu o papel capital da Comunidade galega dentro do debate autonómico, asegurando que “Galicia está chamada, e quere ser, un referente no debate da ordenación territorial do Estado”, mediante a posta en práctica dunha vía de reforma estatutaria onde a identidade non poña límite á solidariedade.

“Non comprendo a existencia de Galicia á marxe de España nin de Europa, pero tampouco entendo aos que pensan que a fortaleza de España pasa por renunciar ou reducir o desenvolvemento da nosa identidade”, asegurou. “Galicia necesita o autogoberno, como arma poderosa que lle permita desenvolver as súas propias capacidades, sen sentir que depende da axuda de outros”, engadiu Pérez Touriño.

Por iso apostou porque a Comunidade galega deixe de lado a “actitude pasiva” mantida ata o momento, e aposte por xogar un papel protagonista dentro de España, liderando proxectos e iniciativas. “O noso obxectivo é este, unha Galicia máis forte; porque unha Galicia máis forte significa unha España máis forte”.

“Porque non entendemos unha Galicia forte sen unha España forte –engadiu Emilio Pérez Touriño-, estamos chamados a xerar un novo polo de debate de articulación territorial do Estado”.

O novo Goberno da Xunta

Durante a súa intervención nos Desayunos Informativos de Europa Press, Emilio Pérez Touriño tamén se referiu ao cambio político que se produciu o pasado 19 de xuño en Galicia. Nesta liña, considerou que a Comunidade galega iniciou un novo “punto sen retorno”, apostando por un novo Goberno que ten como obxectivo prioritario o fortalecemento de Galicia como realidade política e institucional, dándolle unha nova dimensión á súa presenza en España; a mellora da calidade da democracia; e a busca dun desenvolvemento económico “rápido e intenso, equilibrado e sostible”.

A finalidade última do Goberno da Xunta, sinalou Emilio Pérez Touriño, é facer a Galicia “máis forte”, baseándose en tres ideas, “tan sinxelas como ambiciosas”: modernización, autogoberno e cohesión.


“Sabemos que a empresa que nos marcamos é ambiciosa –engadiu-, e por iso nos comprometemos a seguir unha liña de actuación baseada na cohesión dentro do noso propio Goberno, así como na busca do diálogo e o consenso con aqueles que non forman parte do mesmo”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia