O presidente da Xunta de Galicia asegura que a continuidade de Reganosa e dos ciclos combinados das Pontes está garantida

O xefe do Executivo autonómico fixo estas declaracións en resposta a unha pregunta formulada polo portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Ismael Rego, no transcurso da sesión plenaria celebrada hoxe no Parlamento de Galicia. O máximo mandatario autonómico explicou que o Goberno galego “non ten que tomar partido nunha operación deste tipo”, senón asegurar os intereses vitais de Galicia, “con independencia de cal sexa o resultado final da operación de mercado”, puntualizou.
Emilio Pérez Touriño recordou que a súa iniciativa de entrevistarse cos respectivos presidentes de Endesa e Gas Natural foi precisamente co obxectivo de garantir os proxectos que atinxen a Galicia, á marxe do desenvolvemento final da operación. Explicou que tamén con esta finalidade se entrevistou posteriormente “cos presidentes doutras compañías eléctricas que están dentro do mapa nacional”, mentres que, de forma paralela, a Consellería de Economía permaneceu, como ata o de agora, “en contacto permanente” cos organismos reguladores da competencia, dos que depende finalmente “o visto bo” da operación.
O presidente manifestou, non obstante, a súa sorpresa pola “belixerancia” e “confusión do Partido Popular neste asunto”. “Parece que a súa postura política é decantarse por unha das entidades implicadas”, no canto de “perseguir que, pase o que pase, os intereses xerais saian fortalecidos”, criticou.
Así mesmo, o xefe do Executivo autonómico considerou “curioso” que “unha forza política que se define como liberal teña agora unha actitude claramente intervencionista manifestando o que o Goberno debería facer ou non diante dunha posición de mercado”. “O Goberno galego si sabe que non é función súa dirixir empresas privadas, nin darlles instrucións. Serán o propio mercado e o sector bursátil quen definan o contido concreto da operación”, aclarou.
Emilio Pérez Touriño opinou que “o mesmo pode dicirse da recente operación coa outra importante peza do sector enerxético, especialmente no noso país: Fenosa”. O presidente quixo “saudar e valorar moi positivamente o esforzo de iniciativa empresarial, o esforzo emprendedor que un grupo de empresarios galegos desenvolveu durante os pasados días” para acadar “unha maior galeguización” da empresa Fenosa. Nesta liña, destacou que o Goberno galego “valora aínda máis a existencia dunha moi importante presenza accionarial de capital galego en Fenosa na actualidade”. Salientou que “Galicia ten hoxe xa unha posición extraordinariamente relevante dentro de Unión Fenosa”.
Por último, avanzou que “de cara ao futuro”, cómpre “saudar en positivo” as iniciativas que contribúan a “dar estabilidade e seguridade ao sector enerxético galego”. Explicou que os movementos do accionariado e da posición da propia empresa Unión Fenosa enténdese dende o Goberno galego como unha contribución a “crear condicións para que os proxectos enerxéticos que temos para o país poidan estar plenamente garantidos”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia