Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia acada o 9% do investimento global dos Orzamentos Xerais do Estado en infraestruturas, tendo un peso poblacional do 6%

O presidente da Xunta destacou na rolda de prensa posterior ao Consello as conclusións dun informe levado á reunión do Goberno galego sobre a repercusión dos orzamentos xerais do Estado en Galicia.

Entre as principais conclusións da análise, Touriño salientou o crecemento investidor en infraestruturas con máis do 89% respecto aos orzamentos de hai dous anos e no investimento por habitante que se sitúa 21 puntos pocentuais por enriba da media.

O titular do Goberno galego destacou que “desde a perspectiva do peso de Galicia, a comunidade supera o 9% do investimento total do Estado en infraestructuras”, unha cifra importante “tendo en conta que o peso poboacional da nosa comunidade é lixeiramente superior ao 6% e o PIB está sobre o 5%”. Pérez Touriño lembrou que no acordo de Goberno o obxectivo situábase en acadar o 8% do total do territorio nacional.

Touriño sinalou que dende todos os indicadores que se manexan: peso poboacional e do Estado, investimento por habitante e crecemento “estamos diante dunha inxección de recursos importante, potente e significativa”.

Infraestructuras

O presidente da Xunta asegurou que estamos ante uns “orzamentos históricos para Galicia”, pero, indicou “a aplicación territorial destas contas depende do estado físico de cada un dos proxectos”. Neste sentido puxo de manifesto a problemática existente para a aplicación orzamentaria pola súa situación física e técnica das obras.

Salientou o investimento para o AVE, que conta cunha dotación de máis de 600 millóns de euros, “polo que o obstáculo non son os cartos, senón os lugares onde se poden poñer en marcha obras de forma inmediata”.

Segundo explicou, hai obras anunciadas, non iniciadas porque só teñen realizado o proxecto e, nalgúns casos, nin licitación, nin estudo de impacto ambiental. Puxo como exemplo o tramo do AVE entre Santiago e Ourense, do que dixo que é posible facer un forte investimento porque hai obras en curso e, polo tanto, se poden adxudicar. Pola contra, en tramos como o de Lubián-Ourense non aparecen cantidades sustanciables porque aínda non hai proxecto. Neste apartado, Touriño apelou á responsabilidade de Manuel Fraga porque dixo “eu tomei posesión o 2 de agosto e non teño responsabilidade da situación anterior”.


Con respecto ao Eixo-Atlántico amosouse preocupado pola dificultade para cumprir os prazos porque indicou que “práticamente o que hai son proxectos e estudos entre Santiago e Vigo e, polo momento só podemos aplicar cartos para rematar estes proxectos e estudos”. De todos os xeitos, indicou que desde o Goberno “faremos todo o esforzo para axilizar ao máximo a consecución destes obxectivos”.

Touriño adiantou que no que se refire aos orzamentos de Galicia para o próximo ano estarán orientados a acadar prioridades como a mellora da productividade, “para que Galicia medre”, o incremento do investimento en innovación e educación e o establecemento de medidas para correxir “canto antes” o déficit social que permita facer políticas activas sociais e solidarias.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia