Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Méndez Romeu espera que antes de finalizar o ano se cheguen a acordos concretos coa Fegamp en materia de Pacto Local

O titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, reuniuse co presidente da FEGAMP, Xosé Crespo, e outros representantes dos dous organismos para abrir o diálogo formal sobre o Pacto Local. Segundo explicou o conselleiro logo da xuntanza, iníciase así un proceso de diálogo que permitirá ter antes de fin de ano acordo en aspectos de interese para as administracións locais.

Segundo anunciou Méndez Romeu, a partir de agora celebraranse de xeito sistemático xuntanzas de traballo entre a Consellería e a FEGAMP “para chegar a acordos no que sexa posible antes de finalizar este ano, que permitan que ao longo da lexislatura o marco de cooperación sexa claro, definido, e sobre todo que os concellos teñan a garantía de que determinados servizos, prestacións ou recursos están garantidos de xeito permanente”.

Nesta primeira reunión abordáronse os principais problemas pendentes de solución en materia municipal, entre os que cómpre subliñar –asegurou o conselleiro- os compromisos que se queren asumir coa FEGAMP no que se refire ao incremento orzamentario das corporacións locais, a asunción de gastos públicos hoxe soportados polos concellos, e alixeirar e dar unha canle máis rápida a diversos programas de cooperación entre as Administracións locais e a autonómica. Abordouse tamén a coordinación das policías locais –como paso previo ao deseño da Policía Autonómica-e o ocio nocturno e contaminación acústica.

Así mesmo, fíxose unha primeira análise de competencias que na actualidade residen na Xunta e que son demandas polos concellos, como son servizos de carácter social ou educativo; tramitacións urbanísticas e de medio ambiente; e actuacións específicas no medio rural.


Reforma da Lei electoral

A preguntas dos xornalistas sobre a anunciada reforma da Lei electoral, José Luis Méndez Romeu asegurou que esta norma será discutida no Parlamento e terá aínda un “longo percorrido”. Ademais, sinalou que a Lei electoral abarcará diversos aspectos, sobre os que “probablemente tamén despois de vinte anos hai que pensar algunhas innovacións”. Trátase, a xuízo do conselleiro, de adaptar e mellorar o nivel de representación e isto “é algo que lle interesa a tódolos cidadáns, que non afecta aos intereses de ninguén”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia