Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Servizo de Gardacostas incauta máis dun milleiro de vieiras na Ría de Pontevedra

Membros do Servizo de Gardacostas da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos comisaron 1.186 vieiras con toxina ASP nunha operación levada a cabo preto da Illa de Tambo, na Ría de Pontevedra. Os axentes da localidade sorprenderon a dous mergulladores e dous tripulantes a bordo dunha planeadora, na que se atoparon 310 quilos deste molusco bivalvo. O operativo foi levado a cabo polos gardacostas en colaboración coa Policía Autonómica, que interceptou e identificou aos mariñeiros ás 17:00 horas na praia de Chancelas.

Froito desta intervención, o persoal da Consellería levantou unha acta e incautou dous equipos de mergullo completos con dúas botellas de aire comprimido, oito salabardos, así como a planeadora na que viaxaban os infractores, unha embarcación da sétima lista que carecía de documentación a bordo no momento da incautación. O material requisado quedou a disposición da Delegada Territorial de Pesca en Pontevedra, Ángeles
Montero.

Os gardacostas enviaron onte dúas mostras da vieira comisada ao Instituto Tecnolóxico do Mar para proceder a súa análise, mentres que o resto das
especies foron devoltas ao mar na zona de Portonovo. Finalmente, os resultados do centro de Vilaxoán obtidos hoxe confirmaron a presenza de toxina amnésica ASP. Neste sentido, a Xunta de Galicia lembra que actualmente a captura de vieira está prohibida en toda Galicia e a súa extracción e comercialización fóra das canles legais constitúe un posible delito contra a saúde pública. Por este motivo, a Consellería de Pesca presentará as dilixencias penais oportunas contra os catro implicados identificados.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia