Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta atenderá de maneira específica a problemática da violencia de xénero e de menores no ámbito de Xustiza, segundo Méndez Romeu

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, mantivo unha reunión co Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Carlos Varela García, con quen analizou as problemáticas que afronta esta entidade. Especificamente, trataron temas como o patrimonio histórico, a violencia de xénero e o concernente aos menores infractores e a reinserción social, “temas que teñen unha problemática singular con respecto a outros”, segundo explicou o titular da Consellería.

Durante o encontro falaron tamén da situación das infraestructuras xudiciais en Galicia, e neste sentido afirmou que a Xunta atenderá as necesidades materiais e de construcción de novos edificios para a creación de xulgados especializados, algo que se verá reflectido nos orzamentos para o exercicio do 2006, afirmou o Conselleiro, quen declarou que nos próximos catro anos hai un “compromiso de traballo para dar pasos concretos que contesten a necesidades concretas”.


“Estamos falando de medidas que teñen que dar solucións progresivamente a necesidades de espacio nuns casos e de modernización informática noutros, ou que veñen impostas nun prazo medio pola reforma da oficina xudicial, con todo o que iso vai implicar de cambio na tramitación dos procedementos, e, dende logo, na dotación de medios humanos e materiais”, sinalou.

Méndez Romeu, que definiu a reunión como “moi fructífera”, sinalou que esta permitiulle contar cunha “primeira toma de contacto cos problemas da xustiza sobre un conxunto de temas aos que debemos facer fronte”, que se tratarán na primeira reunión que terá lugar este ano xudicial entre a Xunta e a comisión do TSXG.

Reforma da Lei Electoral


Sobre a reforma da Lei Electoral, o titular da Consellería declarou que estes días estanse a producir “opinións interesantes”, e engadiu que espera “que se poida chegar progresivamente a un consenso entre as diferentes forzas políticas” que faga posible que se resolvan os atrancos principais da Lei Electoral. Entre estes problemas, Méndez Romeu destacou os referentes á emisión de votos dos residentes ausentes, as incompatibilidades, as ilexibilidades e o límite mínimo para ter representación parlamentaria.

Tras falar co Fiscal Xefe do TSXG, o conselleiro mantivo unha reunión co presidente da Audiencia Provincial da Coruña, Ángel Mª Judel Prieto, e a continuación, xunto co director xeral de Xustiza, Santiago Roura Gómez, asistiu ao acto de inauguración do Ano Xudicial en Galicia.
Gabinete de Comunicación da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia