Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A planta xudicial de Galicia incrementarase con nove xulgados de nova creación antes de decembro

Galicia contará con nove xulgados de nova creación antes de final de ano, co que a súa planta xudicial, que na actualidade está formada por 286 órganos, pasará a ter un total de 294 órganos xudiciais diferentes. Dos xulgados que abrirán as súas portas antes de decembro, dous estarán situados na Coruña, un en Lugo, un en Ourense, un no Barco de Valdeorras, dous en Vigo, un en Pontevedra (con sede en Vigo) e un en Cangas.

No tocante á súa tipoloxía, dous destes novos xulgados serán de Primeira Instancia, catro de Primeira Instancia e Instrucción, un do Penal, un do Mercantil e un do Contencioso-Administrativo. A Xunta de Galicia ten competencias na dotación de persoal de xestión, tramitación e auxilio, e a apertura destas instalacións suporá a creación de 61 postos de traballo nestas áreas, que se dividen en 20 prazas para xestión, 29 para tramitación e 12 para auxilio.

Os novos órganos xudiciais que contarán con sede na Coruña serán o Xulgado do Penal nº6 (cunha dotación de dúas prazas en xestión, catro en tramitación e dúas de auxilio) e o Xulgado de Primeira Instancia nº11 (con tres prazas en xestión, catro en tramitación e unha en auxilio).

En Vigo crearanse o Xulgado de Primeira Instancia nº13 (cunha dotación de tres prazas en xestión, catro en tramitación e unha en auxilio) e o Contencioso Administrativo nº2 (con dúas prazas para xestión e tramitación e unha para auxilio). Ademais, o Xulgado Mercantil nº2 de Pontevedra (con dúas prazas para xestión e tramitación e unha para auxilio) terá tamén a súa sede en Vigo.

Por último, os catro xulgados de Primeira Instancia e Instrucción que comezarán a funcionar antes de decembro estarán situados en Lugo (o nº7, con dúas prazas para xestión, catro para tramitación e unha de auxilio), Ourense (o nº8, cunha dotación de dous postos en xestión, catro en tramitación e un en auxilio), O Barco de Valdeorras (o nº2, con dúas prazas para cada unha das áreas de traballo) e Cangas (o nº3, con dúas prazas en xestión e auxilio e tres en tramitación).

Coa apertura destes novos órganos, Galicia pasará a ter 24 xulgados de Primeira Instancia, 95 de Primeira Instancia e Instrucción, 20 do Penal, e 14 do Contencioso-Administrativo.

A planta xudicial galega conta así mesmo con 36 salas do Tribunal Superior de Xustiza (5 do Civil e Penal, 14 do Contencioso-Administrativo e 17 do Social), 53 das Audiencias Provinciais, 4 xulgados de Familia, 17 de Instrucción, 22 do Social, 2 de Vixilancia Penitenciaria, 4 de Menores, 2 do Mercantil e un Rexistro Civil Exclusivo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia