Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Os Concellos galegos desaproveitan os irmanamentos

Segundo esta investigación, a proporción de Concellos irmanados en Galicia é similar á doutras comunidades de España. Non obstante, no eido cualitativo, a deficiente contextualización e estructura inflúe de xeito determinante no feito de que unha inmensa maioría deles sexan pasivos, é dicir, cun nivel de actividade practicamente irrelevante.

En opinión da autora do traballo, a analista do IGADI, María del Mar Gómez, a feble dotación de contidos, a descontinuidade e a febleza orzamentaria constitúen un pesado fardo para que os Concellos galegos optimicen as considerables posibilidades que en materia de intercambios a diferentes niveis permiten uns irmanamentos ben orientados.
Mar Gómez reivindica a necesidade dunha dignificación apropiada destas iniciativas, instalando a percepción de que un acto de irmanamento entre municipios non se limita a simples formalidades entre concellos e corporacións ou a un mero coñecemento dos folclores de ambas poboacións. Pola contra, sinala un amplo conxunto de actuacións posibles, dende o turismo ata a educación, o eido comercial, medioambiental, deportivo, profesional, cultural, etc, ámbitos nos que unha xestión adecuada pode reverter en melloras apreciables para as respectivas cidadanías.
O estudio, que foi realizado co apoio da Xunta de Galicia, propón a creación dun rexistro público e oficial no que poidan inscribirse os irmanamentos dos concellos galegos; a habilitación dun servicio de orientación e coordinación interadministrativa, e a capacitación a todos os niveis. Pero sobre todo, a chave para optimizar os irmanamentos radica, en opinión da autora, en impulsar medidas para o reforzamento da participación cidadá. Sen a participación da colectividade non é posible explorar as posibilidades que brindan os irmanamentos. Onde esta participación existe, os irmanamentos funcionan.
Igadi