Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Tenreiro propón un Consorcio de Transportes no que primen os intereses dos estudantes e da sociedade por riba dos das empresas

O voceiro municipal do BNG e concelleiro de Xuventude de Oleiros Antón Tenreiro, cualificou de “iniciativa insolidaria, localista e absurda a rebixa unilateral que o concello da Coruña fai para os estudantes do INEF-Galicia en Bastiagueiro. Insolidaria porque foi tomada unilateralmente por un só concello sen sequera tentar reunirse cos demais; localista porque non arranxa o problema, xa que os estudantes só poden usar con ese
desconto os autobuses urbanos da Coruña, e absurda porque non ten sentido que os estudantes teñan que facer un transbordo a outra compañía dende A Pasaxe se queren chegar ao INEF”, afirmou Tenreiro.

O concelleiro asegurou que non ten sentido seguir a manter un transporte público segmentado na área metropolitana e que responde máis aos intereses empresariais que a dar resposta ao conxunto dos cidadáns da área metropolitana da Coruña.

Tenreiro comentou con boas doses de ironía, que “o concello coruñés debeu chegar a un acordo co INEF para que os estudantes vaian correndo dende A Pasaxe a Bastiagueiro como complemento ás asignaturas de educación física”. Explicou tamén a política do concello de Oleiros respecto do transporte universitario, a raíz das últimas novas aparecidas en diversos medios de comunicación nos pasados días, afirmando que “Oleiros foi o promotor de varias reunións entre concellos da comarca afectados pola problemática do transporte universitario, mantivo xuntanzas coa equipa de goberno da Universidade da Coruña para buscar un posíbel acordo, e mesmo a súa concellería de Xuventude mantén unha partida orzamentaria destinada a sufragar gastos relacionados con este tema. Estas iniciativas e outras iniciativas xurdidas da área de xuventude de Oleiros demostran o interese deste
concello por mellorar a situación dos mozos e mozas da comarca, e máis en concreto do seu termo municipal, á hora de acceder aos centros da Universidade da Coruña”. Outras iniciativas ás que fixo referencia Tenreiro foron as conversas coa empresa concesionaria da liña de transporte regular que percorre o concello de Oleiros, Cal Pita, para tentar recuperar o trazado que por iniciativa propia realizaba conectando diariamente Oleiros e outros concellos da comarca cos campus de Elviña e a Zapateira.

Mais durante o proceso destes traballos, durante o curso académico 2003-2004, a Universidade da Coruña e a Deputación Provincial anunciaron a sinatura dun acordo para elaborar un estudio sobre a situación do transporte universitario, e posteriormente tomar medidas como resultado das conclusións obtidas. Polo tanto, o concello de Oleiros dende o momento en que xurde unha iniciativa supramunicipal, decide agardar polas conclusións dese estudio, por unha parte para non entorpecer este traballo, e sobre todo porque desde esta entidade, como recalcou Tenreiro, “considérase que a solución á problemática do transporte nesta comarca, tanto universitario como non, debe partir non da iniciativa dun só concello, senón da coordinación de entidades supramunicipais, que teñen unha maior marxe de manobra e que poden conseguir unha solución global e máis práctica para todos os concellos, e non unha diferente e parcial para cada un deles”.

“É evidente”, continuou o edil oleirense, “que os estudantes residentes na localidade da Coruña teñen un mellor acceso aos campus situados nesta cidade, precisamente por atoparse dentro do mesmo termo municipal, o que non implica que Oleiros e os outros concellos da comarca deban recibir toda a axuda posíbel das institucións supramunicipais para mellorar os accesos a través o transporte público”.


O concello de Oleiros, a través do seu edil de Xuventude, xa fixo e continúa a facer todas as xestións que están na súa man para conseguir mellorar as condicións do transporte para os universitarios, tanto para os oleirenses que estudan na Coruña, como para todos os estudantes do INEF -cuxas instalacións están dentro do concello-. Se ata o momento non houbo máis movementos foi porque a Xunta -no caso do transporte metropolitano-, Deputación e Universidade, tomaron as rendas do camiño cara a solución deste problema. Isto non impediu, recalcou Tenreiro, que “publicamente siga solicitando as melloras de que se trata, por exemplo pedindo que se convoque unha xuntanza das partes implicadas para atopar unha solución definitiva”.

Unha representación do reitorado da UDC ten unha reunión cos estudantes do INEF na que terá que explicar o inmobilismo existente e dar solucións diante dun novo curso sen transporte universitario, sen resultados concretos do estudo ¿realizado?, e xustificar medidas do concello da Coruña ás costas dos estudantes residentes fóra dese concello sen que a UDC teña tomado medida ningunha ao respecto.

“Resulta lamentábel que só se fale dos asuntos que atinxen ao INEF (transporte e pistas de atletismo) cando dende o concello de Oleiros se reclaman solucións, e resulta patético que sempre se estean a eludir responsabilidades no lugar de buscar solucións concretas,
polo que dende o concello de Oleiros seguiremos a esixir o que é un dereito aínda que a algúns lles moleste”, rematou o concelleiro de Xuventude, Antón Tenreiro.
Carmen Carballo (Comunicación Concello de Oleiros - A Coruña)