García Seoane e o delegado de Educación, Pedro Armas, buscaron solucións ós problemas dos centros en Oleiros

O delegado manifestou que o concello de Oleiros é un dos primeiros que visita, e o primeiro da provincia da Coruña en canto a
crecemento poboacional, un crecemento con perspectiva de continuar crecemento nesa dinámica no futuro, situación esta que esixe facer as conseguintes previsións en canto a infraestructuras educativas.
O alcalde García Seoane, entregou a Pedro Armas diversos estudos realizados no período de goberno autonómico anterior, e que nunca foron abordados por esta, relacionados co Colexio máis antigo de Oleiros, o da Rabadeira.
No que respecta ás novas instalacións escolares, o alcalde
manifestou que coa construcción do novo colexio de Primaria que se comezará a construír o vindeiro ano en Canide, as necesidades do concello quedan cubertas por un longo período de tempo. Tamén comunicou García Seoane a súa oposición a que se eliminen determinadas instalacións dos colexios, como é o caso do Patio Cuberto do
recentemente construído Colexio de Primaria na Rabadeira, porque vai en detrimento das instalacións e servizos que ós rapaces lles pertencen.
Tamén instou o rexedor municipal ó Xefe do Servizo de Inspección a que se controle o acceso de rapaces doutros concellos, como é o caso de Cambre e Sada, ós centros de ensino de Oleiros, dado o grave prexuízo que se produce cos residentes de Oleiros, en concreto no colexio Rabadeira, encontrándose en moitos casos sen poderen acceder ós servizos do comedor e incluso os rapaces se teñen que desprazar a outros colexios fóra da súa demarcación territorial.
Respecto do Instituto oleirense Miraflores, o alcalde instou ó delegado provincial de Educación e Ordenación Universitaria a unha pronta resolución do Convenio que a anterior administración nunca asinou, para poder facer posible a cubrición dunha das pistas polideportivas por importe de aproximadamente 300.500 euros, con cargo na súa totalidade ó concello de Oleiros, e cuxas obras están xa adxudicadas.
Posteriormente, o concelleiro de Ensino e Educación
Medioambiental, Xabier Álvarez Costoya, acompañou ós representantes da administración autonómica a visitar os sete centros escolares espallados nas distintas parroquias de Oleiros, de cara a coñecer de preto a problemática que cada un deles poida presentar, e manter un contacto directo con cadanseu equipo de dirección. Visitaron tamén as Escolas Municipais de Música e Danza, emprazadas na Fábrica de Perillo.
Carmen Carballo (Comunicación Concello de Oleiros - A Coruña)