Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

As entradas para o Festival Are More, que ten lugar do 22 de outubro ao 7 de decembro, póñense á venda o luns 10 de outubro

O luns, 10 de outubro, poranse a venda as entradas para asistir aos concertos do Festival Are More, que nesta edición desenvolverase entre o 22 de outubro e o 7 de decembro, mediante o sistema de venda de Caixagalicia.
O prezo das entradas será de 10 euros, agás na inauguración e na clausura, que custará 20 euros, moi por debaixo no habitual neste tipo de festivais.
Haberá unha serie de bonificacións do 30 por cento para menores de 25 anos, maiores de 65, persoas desempregadas, persoas discapacitadas e familias numerosas, así como abonos de 3 e 5 concertos con descontos dende 20 ao 30 por cento.
Os estudantes de música poderán adquirir as entradas a un prezo único de 3 euros para calquera dos concertos programados. Deste desconto, que é incompatíbel con calquera outro tipo de desconto ou abono, poderá beneficiarse o alumnado do conservatorio, de escolas de música públicas e privadas, así como membros de bandas de música.
Por outra banda, os concertos incluídos no ciclo “A formación de públicos no Are-More” están fóra do sistema de abonos, xa que as funcións para público escolar irán destinadas á comunidade educativa da cidade, para grupos cun mínimo de 15 persoas, e teñen un prezo de 2 euros por alumno e con aceso gratuíto do profesorado acompañante.
As funcións para público familiar están pensadas para a participación de grupos familiares que poderán adquirir entradas xuntas até un máximo de 10 rapaces. Para cada rapaz existe un límite máximo de dous adultos que o acompañen. Os prezos serán de 3 euros para os adulto, e de 2 euros para os nenos até 14 anos.
Ademais, os concertos programados no auditorio do Conservatorio Superior de Música e na Parroquia María Auxiliadora serán gratuítos ate completar o seu aforamento.
Segundo o concelleiro de Asuntos Sociais, Ignacio López-Chaves Castro, que presentou as novidades do envento, o Festival de música Are More unha é xa unha “referencia dentro do panorama musical, non só de Galicia, senón tamén de España".
Nesta edición , o programa do Are More 2005 de varios ciclos: “As imaxes do amor”, “Encontros crepusculares”, “A formación de públicos no Are More”, “A guitarra en concerto”, “Pódium novos intérpretes galegos” e “Música para o silencio”.
Na súa intervención, Ignacio López-Chaves resaltou a importancia do ciclo “A formación de públicos no Are-More”, de cara ao achegamento de nenos e familias á música clásica e á creación dun público para futuras edicións do Festival.
Como novidade para esta edición do festival, desenvolveranse diversas actividades complementarias, como o programa “Músicas para o silencio”, un ciclo de cine non sonoro con música en directo, que conta coa colaboración do Cine Clube Lumiere e o propio Conservatorio coas agrupacións que interpretarán a música en directo.
Trátase de películas como “Luces de la ciudad”, “El holgazán”, “El maquinista de la general” e “Nosferatu”.
Por outra banda, en colaboración tamén co conservatorio, haberá unha clase maxistral a cargo do pianista Víctor Rodríguez, aproveitando o seu concerto do día 3 de decembro.
A clausura do Festival correrá a cargo de Anne Sofie von Otter, “unha das mellores sopranos do mundo”, segundo a calificou Ignacio López-Chaves.
Von Otter fará un repaso ás obras de amor e desamor do barroco inglés e italiano. Este concerto, como o de inauguración, no que a Wienner Akademie interpretará a Haendel, poderán gozarse no Teatro-Cine Fraga ao prezo de 20 euros a entrada.
O orzamento do Are-More 2005 ascende a 550.000 euros, cantidade á que contribúen coa súa axuda a Fundación Caixa Galicia, a Xunta de Galicia e empresas colaboradoras como El Corte Inglés, Citroen, Necso e Aqualia.
Neste sentido, o director artístico do Festival e Director do Conservatorio Superior de Música, Roberto Relova, agradeceu o interese das entidades colaboradoras e do departamento de Cultura do Concello na “proxección e apoio á cultura”.
En opinión de Roberto Relova, o Are More tense convertido nunha cita destacada da música clásica ao contar coa presenza “das mellores voces de finais do século XX e principios do XXI”.
Departamento de Cultura do Concello de Vigo