Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O presidente da Xunta anuncia a plena vontade do Goberno galego en prestar a máxima colaboración para acelerar os proxectos pendentes da cidade de Ferrol

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, afirmou que o Goberno galego ten “a plena vontade e o pleno compromiso” de “colaborar ao máximo” para “acelerar as actuacións pendentes do Estado e a Administración autonómica, e coa colaboración da administración local”, para que a cidade de Ferrol “recupere canto antes a iniciativa” como cabeceira dunha “comarca moi importante do país”.

O xefe do Executivo autonómico fixo estas declaracións tras recibir no seu despacho de San Caetano o alcalde de Ferrol, Juan Juncal, con quen fixo un repaso da situación da cidade e da comarca que lidera. O presidente salientou que Ferrolterra ten “proxectos pendentes moi importantes en infraestruturas e no terreo da comunicación que ten que ter unha cidade” da súa entidade.

Emilio Pérez Touriño indicou que entre os “retos pendentes” de Ferrol non figuran soamente os relativos ó tecido industrial, senón aqueles que integran a plataforma loxística da cidade e a correspondente ao contorno do porto de Ferrol. Por último, comunicou ao alcalde que “conta co compromiso e colaboración por parte da Xunta para sacalos adiante”.

Pola súa banda, Juan Juncal manifestou a súa satisfacción pola entrevista mantida con Emilio Pérez Touriño sobre a “situación débil e con carencias” pola que atravesa Ferrol. Destacou “o interese do presidente” nos proxectos pendentes da cidade e dixo estar “seguro” de que o máximo mandatario galego “levará a cabo medidas para solucionar estes temas”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia