Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O concello de Oleiros somete a avaliación de tódalas familias a xestión e política municipal con 12.500 enquisas

Dende hai uns días, tódolos fogares de Oleiros están recibindo un sobre remitido polo concello, que contén unha enquisa, unha carta en bilingüe asinada polo alcalde, e un sobre
para remitir con franqueo gratuíto ó propio concello, coa enquisa respostada. Esta iniciativa do Grupo Municipal de Goberno non é nova en Oleiros. En anos anteriores, a mediados da lexislatura, tamén se viña facendo, só que a través de empresas consultoras, o que implicaba que realizan as enquisas nun campo que oscilaba entre as 400 e as 1.000 enquisas. Desta volta, o alcalde García Seoane considerou que a enquisa debería chegar a absolutamente tódalas familias, tódolos fogares de Oleiros. E que sexa a vontade de cada quen o cubrir a enquisa e remitila de balde ó concello.

A devandita enquisa ten unha estructura temática, abranguendo temas de política municipal, sometendo a avaliación como “moi boa”, “boa”, “regular” ou “mala”, a política municipal nas distintas áreas do concello: dende o fomento á lectura ó fomento de emprego e formación ocupacional; dende a seguridade cidadá ás actividades xuvenís, casas do Pobo, actividades deportivas, voluntariado, promoción da vivenda, atención á terceira idade, e outros.

O urbanismo, unha das áreas que máis ocupan o labor municipal, tamén se contempla nesta enquisa, solicitando opinión tanto do modelo de urbanismo como da xestión municipal nas distintas áreas, como os parques e prazas, beirarrúas, limpeza viaria, camiños e rúas,
alumeado, recollida do lixo e outros.

A atención ó cidadá forma parte tamén do interese do concello por saber se as diversas áreas municipais atenden debidamente as consultas e demandas dos cidadáns. Así, dende as Oficinas Xerais, a Urbanismo, Obras Públicas, Secretaría, Alcaldía, Catastro, Facenda, Turismo... e os demais servizos municipais, son sometidos a xuízo dos veciños e veciñas oleirenses. A comunicación e información municipal nas súas distintas vertentes –o xornal municipal “Vivir en Oleiros”, as publicacións municipais, a web do concello, os folletos, os paneis luminosos das rúas, as Asembleas veciñais, a emisora municipal Radio Oleiros- tamén se somete a avaliación.

Temas máis polémicos como a política de cooperación internacional e as campañas de solidariedade que leva a cabo o Goberno Municipal, e que normalmente traspasan as fronteiras internacionais, forman parte desta enquisa, do mesmo xeito que os servizos públicos non municipais. Moitos cidadáns ignoran que servizos como o de correos, atención sanitaria, estradas non locais, transporte público, residencias da terceira idade, o tráfico ou o proxecto da Vía Ártabra, non son competencias municipais. Sen embargo, o alcalde afirmou na rolda de prensa de hoxe na que presentou esta iniciativa, que “estamos igualmente preocupados por saber a valoración que fan os veciños deste servizo, para mediar e defender os seus intereses ante a administración que corresponda”.

Directamente, opinión sobre os políticos

Non só os servizos e a xestión son obxecto de xuízo público. Tamén os grupos políticos e os concelleiros que conforman a Corporación Municipal, son centro de atención nesta enquisa que servirá ó Grupo Municipal de Goberno para coñecer a opinión dos cidadáns sobre o labor municipal que cada quen desenvolve, e non en van, dise na propia enquisa que “os veciños/as non só teñen o dereito de participar da vida municipal, senón tamén de fiscalizar o labor que os concelleiros e concelleiras realizan, xa que para iso pagan os impostos municipais. Isto implica o dereito a valorar e opinar sobre o labor que cada grupo e cada persoa leva a cabo no concello”.

Garantía de anonimato

A enquisa remítese de balde ó concello, e de xeito anónimo, se ben, na mesma pídense datos que son fundamentais á hora de avaliar o propio resultado da enquisa, como é o territorio no que reside a familia –non é o mesmo un núcleo urbano máis desenvolvido que un lugar menos poboado-, se é home ou muller, a idade, e o tipo de vivenda no que reside: unifamiliar, urbanización ou edificio, así como a localidade e a parroquia. Estes datos son sempre indicativos na avaliación dos resultados.

As suxerencias e críticas

Dar a oportunidade ós cidadáns de que acheguen ó concello as súas críticas, por duras que sexan, ou con espírito constructivo, así como as suxerencias que considera deben ser tidas en conta, é o bloque que constitúe a derradeira parte desta enquisa municipal. Unha enquisa moi sinxela de cubrir, moi directa e ampla, de cara a poder ter unha idea real do que opinan os veciños e veciñas da xestión e política municipal. Corrixir erros, reafirmarse nos acertos, e levar a cabo iniciativas que partan dos propios veciños –sempre e cando estas sexan en beneficio da colectividade, e non egoistamente individualistas-, é a pretensión de García Seoane.

Polo momento, unha boa resposta

Nun só día recibíronse máis de 100 enquisas respostadas, sendo o segundo día no que se considera puideron comezar as respostas, dado que aínda están chegando ós fogares a enquisa. Este grao de resposta é indicativo para García Seoane de que haberá realmente unha gran participación cidadá, e considera que “se recibimos mil respostas, será todo un éxito”, anque a pretensión ideal sería que as respostas chegasen masivamente.

Unha vez rematada a recepción das enquisas, estudaranse, avaliaranse, e daranse a coñecer os resultados das mesmas aplicando os promedios correspondentes.

Curiosidade

Comentaba o alcalde oleirense que resultaba curioso como os veciños de nova residencia en Oleiros (de 32.000 habitantes, máis de 16.000 son de fóra de Galicia- se sorprendían de que fosen chamados ás asembleas, de que se lles consulten as cousas. E é que en Oleiros, no Grupo Municipal de Goberno, a implicación dos veciños na xestión e política municipal está priorizada.


Fixo tamén unha pequena valoración da lectura realizada nesas cen primeiras enquisas, das que din que os cidadáns valoran máis a limpeza e recollida de lixo e os Parques e zonas verdes, ca outras cousas. Tamén a cultura e o fomento da lectura son ata agora moi ben valoradas polos veciños, ó igual que determinados departamentos municipais de atención ó cidadá, “e cando se remate a lectura das enquisas, obviamente eses funcionarios e funcionarias dos departamentos mellor valorados, serán felicitados como corresponde”.

Nótase nas respostas as ideoloxías de quen resposta á enquisa, dixo o alcalde, “pero curiosamente, hai xente que se nota que é do PP e sen embargo valora moi positivamente os servizos municipais e a xestión, e iso é normal. Hai que respectar a ideoloxía de cada quen. O único que pretendemos é mellorar a xestión, e non enfrontar ideoloxías”. Destacou que o 100 % das recibidas ata agora, saben que goberna Alternativa dos Veciños, mentres que o 90 % sabe que o fai co BNG.

Rematou pedindo un esforzo á cidadanía na resposta ás enquisas, xa que ademais de seren moi fáciles de cubrir, só hai que entregalas en Correos ou no buzón dos edificios que se destinan ó propio carteiro, e xa está. Facilitamos todo para que participe a maior cantidade de xente posible”.
Carmen Carballo (Gabinete de Comunicación Concello de Oleiros)