Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Emilio Pérez Touriño compromete o esforzo da Xunta para estender a rede de educación infantil na comunidade

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, sinalou que o Goberno galego vai incentivar, colaborar e comprometerse para estender a rede de educación infantil en toda a comunidade. Así o asegurou en Bergondo (A Coruña), onde inaugurou o centro infantil do concello, que conta con seis aulas para a atención de nenos de 0 a 3 anos e de 3 a 6 anos.

Nesta liña, o titular do Executivo autonómico sinalou que o obxectivo é que os nenos galegos teñan a oportunidade desde o primeiro momento de “aprender e socializarse”, e apostou por acadar unha ratio de 15 alumnos por profesor e por impartir unha educación especializada , axeitada aos novos tempos e ás novas demandas.

Emilio Pérez Touriño comprometeu maiores recursos a favor da educación por considerala “o valor máis prezado que pode ter unha sociedade”. “O que ten contribuído a favor da liberdade, da igualdade de oportunidades e da mobilidade social dunha cidadanía cada vez máis libre, máis culta e máis igual é xustamente a educación pública”, asegurou o presidente.

Así mesmo, o máximo mandatario galego avogou por cultivar os valores da convivencia, liberdade, tolerancia e solidariedade, a través da educación, “o mellor instrumento para progresar e ter un mellor futuro”, asegurou.

Impulso ao Pacto Local

Durante a súa visita institucional ao Concello de Bergondo, Emilio Pérez Touriño tamén comprometeu o esforzo do Goberno que preside para impulsar o “ansiado Pacto Local”, para que no horizonte desta lexislatura se poida “concluír”. O obxectivo é fortalecer o municipalismo e devolver o poder político aos concellos. O presidente da Xunta considerou que é preciso “devolver e dar transferencias, medios e recursos” para que os concellos poidan avanzar nos proxectos que máis preocupan á cidadanía.


Neste sentido, considerou que é preciso que a comunidade autónoma tamén se descentralice para que os concellos “se fortalezan política e financeiramente” porque isto, sinalou, “será tamén bo para os cidadáns”.

Compromiso co Concello de Bergondo

Por último, o xefe do Executivo autonómico apostou por colaborar e traballar conxuntamente co Concello de Bergondo, lembrando que a Xunta de Galicia ten “as portas abertas ao diálogo –independentemente da cor política das administracións-, ao respecto –por institucións que responden directamente ante os cidadáns- e á colaboración e ao compromiso”, para levar a cabo os proxectos máis importantes para os municipios.

Así mesmo, tamén se comprometeu co alcalde de Bergondo, José Fernández Ramos, a construír o acceso ao Centro de Recuperación de Minusválidos Físicos, a apoiar desde a Xunta o proxecto de recuperación dun inmoble para convertelo en centro sociocultural e a estudar o saneamento da ría e da zona de Gandarío e Lubre. A este respecto, Emilio Pérez Touriño lembrou que a Xunta vai pór en marcha un Plan Estratéxico de Augas, xa que considera “esencial” o saneamento das rías e das concas fluviais.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia