Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Preséntase en Galiza a Comisión Multisectorial do Fogar Dixital

A Comisión Multisectorial do Fogar Dixital foi presentada en Galiza nun acto presidido por Salustiano Mato de la Iglesia, director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia. Esta comisión integra as máis importantes empresas, institucións públicas e asociacións estatais dos sectores das telecomunicacións, domótica, electricidade, electrónica e promoción inmobiliaria.

O obxectivo desta comisión é promover o concepto de fogar dixital mediante o acceso de banda ancha nas vivendas e a creación de infraestruturas e presentación de servizos dixitais. Grazas á suma de esforzos de todos estes sectores nunha mensaxe común e global é posíbel establecer os estándares de definición e desenvolvemento deste novo negocio e levar a cabo iniciativas que permitan a súa promoción e desenvolvemento, así como a súa regulación por parte da administración.

Forman parte desta comisión Televés (que exerce como empresa anfitrioa en Galiza), Philips, Telefónica, Sony, Samsung, Schneider, Grupo Pinar, Auna, Simón, Acceda, Securitas Direct, a Universidade Politécnica de Madrid e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións, entre outros.

Entre as tarefas desta comisión atópase definir o concepto de fogar dixital, crear uns estándares, identificar os modelos de negocio e os axentes que o compoñen, promover a participación das administracións públicas, desenvolver xunto coa administración os sistemas de regulación adecuados, analizar as tendencias internacionais, deseñar a Certificación Fogar Dixital e participar en feiras e congresos.

No acto de presentación tamén interviron Jorge Lorenzo, director xeral adxunto de Televés, Juan Antonio Latasa, presidente da Comisión do Fogar Dixital e Ramón Bermúdez de Castro, decano-presidente do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia. Posteriormente á xornada de presentación da Comisión, realizaron unha visita guiada polas instalacións da empresa Televés e celebrouse un xantar.

Achegar as novas tecnoloxías á sociedade


Un dos obxectivos prioritarios da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia é achegar a toda a sociedade galega as vantaxes das Novas Tecnoloxías e a Sociedade da Información. Para elo, a Consellería de Innovación e Industria conta cunha Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, dirixida por María Elena Veiguela, enfocada especificamente a achegar a Sociedade da Información ao conxunto da cidadanía. Ademais, a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación aposta decididamente por este sector emerxente, investindo en investigación, desenvolvemento e innovación.


Actualmente, o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación 2002-2005 conta con dous programas específicos, dentro dos seus programas estratéxicos, de apoio á Sociedade da Información e de apoio ás Tecnoloxías da Información e das Comunicacións. O primeiro deles ten como finalidade estender a Sociedade da Información en Galicia, fundamentalmente en tres áreas: mellorar as relacións da administración cos cidadáns, mellorar a calidade de vida e desenvolver aplicacións dirixidas aos sectores económicos. Por outra parte, existe un programa de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións que ten como obxectivo potenciar o avance deste sector e favorecer a incorporación de solucións innovadoras aos demais sectores da economía galega.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia