Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Pesca pon en marcha o Plan de Repoboación de Especies Mariñas soltando 10.000 alevíns de rodaballo en Muxía

A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, e a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares, acudiron en Muxía á primeira solta de alevíns de rodaballos, levada a cabo preto da praia de Lago por técnicos do Instituto Galego de Formación en Acuicultura. Con esta actuación, o Goberno da Xunta pon en marcha o “Plan de Repoboación de Especies Mariñas no Litoral Galego”, presentado pola titular de Pesca o pasado 22 de setembro no Consello da Xunta.

Ao longo da xornada, os técnicos do IGAFA soltan á Ría de Camariñas 10.000 exemplares de rodaballos, dos que se fará un seguimento exhaustivo mediante a realización de mostraxes semanais e quincenais. Segundo apuntan os expertos encargados do plan, xa se poderá levar a cabo unha primeira avaliación ao longo do 2006, aínda que haberá que esperar aproximadamente dous anos para dar conta do cumprimento das expectativas do proxecto. Neste sentido, os profesionais xaponeses, pioneiros neste tipo de actuacións de repoboación, consideran que se obtería un gran éxito se se conseguen un 10% de recapturas.

Por outra banda, tal e como anunciara Carmen Gallego no Consello da Xunta, os alevíns estiveron sometidos, antes da súa solta, a estritos controis microbiolóxicos e patolóxicos nas instalacións de cultivo do centro de acuicultura da Illa de Arousa. O obxectivo é garantir as condicións sanitarias das especies evitando pragas ou contaxios indesexados nos caladoiros galegos.

O proxecto contará coa colaboración dos pósitos da zona

O pasado 28 de setembro, a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares; acompañada por varios técnicos do IGAFA, mantivo unha xuntanza cos patróns maiores das confrarías de Muxía, Camelle, Muros, Malpica, Laxe, Lira, O Pindo, Corme, Corcubión, Camariñas e Caión para trasladarlles a necesidade de contar coa súa participación na realización deste plan.

Durante a reunión, os representantes do sector amosaron o seu interese no proxecto e ofreceron a súa total colaboración. Do mesmo xeito, o patrón maior de Fisterra, Manuel Martínez; e o presidente da Federación Galega de Confrarías, Evaristo Lareo, trasladaron á Consellería o seu apoio para levar a cabo esta iniciativa.


O sector comprometeuse a devolver ao mar aqueles rodaballos que foran capturados antes de tres meses. Pasado este tempo, os mariñeiros levarán as especies que pesquen á confraría máis próxima, que se porá en contacto co Instituto Galego de Formación en Acuicultura para que os técnicos se despracen á zona e recollan os exemplares.

Outras actuacións

Paralelamente ao plan de repoboación, a Consellería de Pesca desenvolverá outras medidas, entre as que destaca a creación dun stock de reprodutores de rodaballo, ollomol e lumbrigante procedentes do medio natural, co que se poderá suministrar alevíns nun futuro próximo. Asemade, o vindeiro ano está previsto realizar unha primeira solta de lumbrigantes e unha nova solta de rodaballos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia