Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Emilio Pérez Touriño anuncia que a Xunta porá en marcha un Plan Ferrol, en colaboración coa sociedade de Ferrol e da súa comarca

O titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, comprometeuse a pór en marcha, desde a Xunta de Galicia o Plan Ferrol, un plan “integral, global, específico e singular” para Ferrol e a súa comarca. O máximo mandatario autonómico asegurou que o Goberno galego ten a vocación de contribuír, da man da sociedade civil, dos empresarios e sindicatos de Ferrol, a que “cristalice” ese Plan Ferrol e sirva para “xerar emprego, para relanzar a economía e a sociedade ferrolá”.

Logo de reunirse con representantes e empresarios ferroláns que integran a Asociación de Impulso do Plan Ferrol, o presidente da Xunta anunciou tamén que esta iniciativa terá reflexo nos Orzamentos que o Goberno que preside vai presentar no Parlamento galego no presente mes de outubro.

Emilio Pérez Touriño salientou “a porta aberta, o compromiso pleno e a prioridade” que establece o Goberno da Xunta para que Ferrol poida contar cun instrumento de concertación, de impulso e de dirección dun plan que lle permita a Ferrol e á súa comarca “dar un salto”, empezar a recuperar poboación, a recuperar emprego e que en Ferrol poida haber iniciativa de proxectos investidores.


Tres elementos importantes no impulso do plan

O xefe do Executivo autonómico salientou tres elementos fundamentais para que esta iniciativa sexa frutífera. Deste xeito, indicou que é a primeira vez que un proxecto destas características nace “non desde un gabinete”, senón a partir da iniciativa dos empresarios e dos axentes sociais e económicos de Ferrol e da súa comarca. “Esta iniciativa nace de Ferrol, de Ferrolterra e da súa xente”, asegurou.

Así mesmo, Emilio Pérez Touriño lembrou, como segundo elemento fundamental, que xa existe un compromiso do Goberno de España nesta dirección, materializado a través dos Orzamentos Xerais do Estado, que recollen unha partida de 44 millóns de euros para iniciativas de impulso á dinamización económica desta zona.

Como terceiro elemento sinalou “o compromiso da Xunta de Galicia para liderar, coordinar e integrar o esforzo” deste Plan Ferrol.

Infraestruturas

Finalmente, o titular do Goberno autonómico considerou que Ferrol e a súa comarca están no momento idóneo para levar a cabo este proxecto, xa que van contar tamén con importantes infraestruturas que lle van permitir progresar economicamente. Nesta liña, Emilio Pérez Touriño referiuse á existencia dun porto exterior, que confía en que estea completado no 2007; dunha autopista; da autovía do Cantábrico, que permitirá conectar Ferrol co norte de España e con Europa; e de Reganosa, unha planta de subministro de gas “que terá completada no horizonte previsto a súa execución”. “En definitiva están dándose todos os elementos para que poidamos pensar en Ferrol en positivo”, concluíu.


Pola súa banda, os representantes sindicais e empresariais ferroláns manifestaron o seu “alto grao de satisfacción” coa reunión mantida co presidente do Goberno galego, salientando que, durante a xuntanza “recabamos o seu total apoio ás accións e actuacións” da Asociación de Impulso do Plan Ferrol. Así mesmo, agradeceron o compromiso da Xunta e a implicación de todo o Goberno galego na posta en marcha deste proxecto.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia