Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A MESA CONSIDERA QUE VÁZQUEZ “É O ÚLTIMO
CANDIDATO DESEXÁBEL PARA PRESIDIR A FEMP”

A Mesa está-se a dirixir aos representantes de Esquerda Unida, Convergència i Unió, Esquerra Republicana de Catalunya, Partido Andalucista, Coalición Canaria e ao Partido Aragonés. Nesta comunicación, a MNL transmite-lles a sua preocupación pola posibilidade de que “unha persoa que se burla da língua galega e dos tribunais” ocupe o máximo cargo de representación da FEMP

Ademais do contacto directo con estes representantes, achegou-se-lles a seguinte misiva:


Prezado señor,
Prezada señora,

Dirixo-me a vosté en representación da Mesa pola Normalización Lingüística, organización independente e apartidária conformada por máis de 3.000 sócios e sócias, que traballa co obxectivo de recuperar e estender socialmente o idioma galego.

Queremos transmitir-lle a nosa preocupación ante a posibilidade de que Francisco Vázquez, alcalde de A Coruña, sexa eleito este domingo presidente da Federación Española de Municípios e Províncias (FEMP). Parece-nos especialmente desacougante que poida ocupar tal posto un indivíduo que persegue o uso do galego e despreza as leis e as sentenzas xudiciais que situan esta língua no papel de cooficialidade que lle corresponde tras o pacto constitucional de 1978.

Consideramos que Francisco Vázquez é un candidato indesexábel para ocupar tal cargo e, ainda que estexa postulado por unha forza de esquerdas, sostén propostas que non se corresponden nen coas da direita democrática. Temos que recordar que, hai un ano, este indivíduo chegaba a demandar publicamente a ilegalización dos idiomas galego, catalán e basco. Nengun grupo político no Estado defende unha medida semellante, excepto Vázquez e os grupos totalitários marxinais. Calquer persoa que non teña perdida a razón compreende que a ilegalización do catalán, por exemplo, levaria inevitabelmente á confrontación social, á pior das situacións posíbeis.

Igual que non seria desexábel que fose representante dos municípios do Estado unha persoa que denigrase ás mulleres, aos imigrantes ou a calquer grupo social marxinalizado, pensamos que non seria boa notícia para a convivéncia que puidese chegar a ocupar tal cargo de responsabilidade unha persoa que insulta e agrede o idioma galego e a Galiza.

Á marxe do partido político que o postule, desde a nosa organización consideramos que calquer outra candidatura á presidéncia da FEMP é preferíbel á deste indivíduo.

Reciba un cordial saúdo




Santiago de Compostela a 22 de Novembro de 2003


Carlos Manuel Callón Torres, A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA