Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O ministro Montilla garantiza a Fernando X. Blanco o mantemento dos proxectos de Reganosa e As Pontes, á marxe do resultado da Opa de Gas Natural sobre Endesa

O ministro de Industria, Comercio e Turismo, José Montilla garantizou ao conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, o mantemento dos proxectos de Reganosa e As Pontes, sexa cal sexa o resultado da OPA de Gas Natural sobre Endesa.


Nunha conversa, o titular de Industria, Comercio e Turismo manifestou así ao conselleiro galego o apoio do Goberno estatal aos proxectos estratéxicos para Galiza que se podían ver afectados pola OPA lanzada por Gas Natural sobre Endesa, despois de que nos últimos días se coñecera que Gas Natural ía desinvertir na planta regasificadora de Mugardos e nos proxectos dos ciclos combinados de Endesa en As Pontes.

O titular de Innovación e Industria xa manifestara no momento de coñecer os plans da compañía que ía iniciar as xestións necesarias para evitar posibles consecuencias negativas para Galiza en relación a dous proxectos considerados estratéxicos para o sector enerxético e para o conxunto da economía do país. Neste sentido, o compromiso adquirido polo ministro Montilla con Fernando X. Blanco vén a amosar o apoio do Goberno estatal aos proxectos galegos, ao garantir o futuro de Reganosa e os ciclos combinados de As Pontes, á marxe do resultado final da OPA de Gas Natural sobre Endesa.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia