Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O presidente da Xunta considera que o Eixo Atlántico constitúe un elemento fundamental no desenvolvemento e mellora das cidades que o conforman

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, resaltou que o Eixo Atlántico, formado por dezaoito cidades de Galicia e do Norte de Portugal, constitúe “un elemento fundamental” que ten achegado elementos “moi relevantes” desde a perspectiva da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal “de desenvolvemento, de investimento e de mellora das cidades dun e doutro lado”. O titular do Goberno galego fixo estas declaracións logo de reunirse, no seu despacho do Parlamento de Galicia, co presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

O máximo mandatario galego reiterou que “Galicia será o que sexa a súa rede de cidades”. Por iso avogou por fortalecer o Eixo Atlántico e comprometeuse a contribuír, desde a Presidencia da Comunidade Autónoma galega, “á cooperación permanente” cos concellos e coas cidades que integran esta rede, potenciando “o seu papel e o seu valor como un instrumento fundamental para o reequilibrio territorial e para o desenvolvemento de oportunidades” no contexto da Unión Europea, no que, asegurou, “a Eurorrexión debe fortalecerse”.

Segundo salientou Emilio Pérez Touriño, “o futuro de Galicia non pode entenderse sen o do Norte de Portugal, e viceversa”. Por iso, e consciente de que o Eixo Atlántico “é fundamental” para o desenvolvemento destas dúas rexións transfronteirizas, o presidente da Xunta manifestou a súa “vontade de cooperación plena” e do impulso e apoio a todas as actividades que se poñan en marcha no seo desta organización, salientando que as seguirá “coa maior dedicación e intensidade”.


Exposición en Bruxelas

Nesta primeira xuntanza, o presidente do Eixo Atlántico, Xosé Sánchez Bugallo, tivo a oportunidade de convidar ao titular do Goberno galego a unha mostra que se exporá en Bruxelas no vindeiro mes de novembro, no marco das actividades celebradas con motivo do décimo aniversario desta organización transfronteiriza de municipios. O titular do Goberno galego agradeceu a invitación, salientando que espera reunirse en breve coa comisión executiva do Eixo Atlántico e “ter a oportunidade de estar en Bruxelas con eles”.

Pola súa banda, Xosé Sánchez Bugallo resaltou que o Eixo Atlántico quere contar coa presenza do presidente da Xunta en Bruxelas, por canto que, aparte de ser o presidente da Comunidade Autónoma que integra a nove das dezaoito cidades que conforman o Eixo, é, na actualidade, o vicepresidente da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, da que forma parte “fundamental” o Eixo Atlántico.

Esta organización transfronteiriza de municipios está formada, na actualidade, por dezaoito concellos, nove deles galegos e nove portugueses: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo, Ferrol, Vilagarcía de Arousa e Monforte de Lemos; e Porto, Braga, Bragança, Chaves, Guimarães, Peso de Règua, Viana do Castelo, Vilanova de Gaia e Vila Real.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia