Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Educación mellora as bibliotecas escolares de corenta centros

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a desenvolver un plan de mellora de bibliotecas escolares. Ao abeiro deste programa, a Administración educativa pretende neste curso 2005-2006 optimizar as bibliotecas de corenta centros da Comunidade galega, achegando un total de 250.000 euros. Deste xeito, perséguese acadar un modelo de biblioteca escolar en liña coas recomendacións das institucións educativas internacionais e as necesidades da comunidade educativa, adecuando así, as prácticas docentes e os recursos educativos ás prioridades que marca a actual sociedade da información.

No ámbito educativo, a biblioteca está considerada como un recurso estratéxico para a innovación pedagóxica que axuda a revitalizar as prácticas educativas e a vida cultural dos centros. Ademais, favorece o emprego de múltiples recursos por parte do profesorado e o alumnado, que facilita, á súa vez, unha progresiva autonomía na aprendizaxe ao tempo que serve de canle para a integración na escola das novas tecnoloxías da comunicación.

As bibliotecas ofrecen a posibilidade de acceso igualitario aos bens culturais e convértense nun recurso imprescindible para a formación do alumnado nunha sociedade da información que demanda cidadáns dotados de destrezas para a consulta eficaz das distintas fontes informativas. Ademais, convértese nun espazo axeitado para o achegamento á lectura de textos literarios e informativos, sexa en formato impreso, audiovisual ou multimedia, de forma presencial ou telemática, e para a adquisición paulatina do hábito lector.

Proxecto dinamizador

O programa de mellora de bibliotecas escolares, convocado a través do Diario Oficial de Galicia do 29 de marzo deste ano, implica directamente ao equipo docente do centro, que participa no deseño e aprobación dun proxecto para actualizar e dinamizar a biblioteca.

Este proxecto recolle a organización, actualización e dinamización da biblioteca, entendida como un centro de recursos da información. Ademais, inclúe a súa integración nos procesos de ensino e aprendizaxe; a realización de actividades de formación de usuarios e educación documental; o fomento da lectura; e a dinamización cultural entre toda a comunidade educativa.

A iniciativa promovida desde o departamento de Educación do Goberno galego supón unha achega dun mínimo de 5.000 euros que reciben os centros seleccionados. Esta cantidade debe destinarse á adquisición de fondos documentais en soporte impreso, audiovisual ou multimedia, requiríndose que un mínimo do 50% dos fondos adquiridos estean en lingua galega. A subscrición a publicacións periódicas con destino á biblioteca escolar ou á edición de materiais impresos para o alumnado ou as familias para actividades propostas pola biblioteca escolar son outros dos capítulos nos que se poden investir as cantidades recibidas. Os centros tamén teñen a posibilidade de destinar a subvención de Educación á adquisición de mobiliario específico para a biblioteca.

Na presente edición do programa beneficiáronse desta iniciativa, na provincia de A Coruña, os CEIP Bergantiños (Carballo); Bispo Guerra Campos (Ames); Sigüeiro (Oroso); Emilia Pardo Bazán (A Coruña); José Cornide Saavedra (A Coruña); Milladoiro (Malpica de Bergantiños); Os Muíños (Muxía); Pepe de Xan Baña (Santa Comba); Wenceslao Fernández Flórez (Cambre e A Coruña); os CPI Cruz do Sar (Bergondo), Ponte Carreira (Frades); o CRA Nosa Señora do Faro (Ponteceso); e os IES Alfonso X O Sabio (Cambre); Isaac Díaz Pardo (Sada); Leliadoura (Ribeira); Marqués de Suanzes (Ferrol); Monte do Conxo (Santiago); Paseo das Pontes (A Coruña) e os de Arzúa e Fene.

En Lugo, os centros que mellorarán este curso as súas bibliotecas no contexto deste programa son o CEIP Vista Alegre de Burela; o CPI Tino Grandío, en Guntín; o IES Gregorio Fernández, en Sarria; e o IES Río Cabe, en Monforte de Lemos. Os CEIP Albino Núñez de Ourense e Curros Enríquez de Celanova, e o IES de Verín, todos eles na provincia ourensá, participan tamén neste programa de mellora das bibliotecas.

No que atinxe á provincia de Pontevedra, benefícianse desta iniciativa educativa os CEIP Abelendo e Reibón, en Moaña; Campolongo e San Martiño, en Pontevedra; San Tomé, en Cambados; Seis do Nadal, en Vigo; o CEP Monteporreiro, en Pontevedra, e os IES Alexandre Bóveda, en Vigo; Auga da Laxe, en Gondomar; Pintor Colmeiro, en Silleda; Ramón María Aller Ulloa, en Lalín, e Sánchez Cantón, en Pontevedra.

Unha mediateca

A iniciativa desenvolvida por Educación pretende concibir a biblioteca como un centro de recursos da información, unha mediateca, que pon ao servizo da comunidade educativa os fondos documentais existentes no centro, en soporte impreso, audiovisual ou multimedia. Ademais de centralizar todo o material informativo que pode empregarse para os traballos escolares e o fomento da lectura, a biblioteca presta diversos servizos, como a lectura en sala, préstamo, información, formación de usuarios, orientacións e materiais para a educación documental, ademais do acceso a internet.

O feito de que un centro dispoña dunha biblioteca escolar, organizada e dinamizada facilita o apoio aos procesos de ensino e aprendizaxe; o achegamento aos distintos soportes documentais; a educación no acceso á información; a integración das tecnoloxías da comunicación e da información; a consolidación do hábito lector; o tratamento da lectura comprensiva e o apoio aos alumnados con necesidades educativas especiais.


A Consellería de Educación entende que o horario da biblioteca debe ser o máis amplo posible, tendo en conta sempre a dispoñibilidade horaria do profesorado, e procurarase que estea aberta a totalidade do tempo lectivo.

Entre as actuacións que contempla este plan de mellora tamén se inclúen as accións dirixidas á formación de usuarios da biblioteca e á adquisición de habilidades e procedementos para o acceso á información e o seu tratamento. Ademais, tamén engloba as encamiñadas ao fomento da lectura, que van desde narracións, lectura individual e compartida; presentacións de libros; encontros con autores ou ilustradores, libro-forum, xogos de animación, ata obradoiros de escritura creativa, entre outras.

Formación do profesorado

Por outra banda, a Consellería de Educación vén ofertando ao profesorado dos distintos niveis, actividades de formación permanente específica no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura. Nesta oferta inclúense os 12 cursos sobre xestión, organización e dinamización da biblioteca escolar que os Centros de Formación e Recursos do Profesorado teñen previsto para este curso, e as axudas a seminarios permanentes, proxectos de formación en centros e grupos de traballo que desenvolvan a súa actividade ao redor da biblioteca escolar.

Ademais, os pasados 7 e 8 de outubro, celebráronse en Santiago de Compostela as Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia 2005. Trátase dunha actividade incluída no Plan Anual de Formación do Profesorado para este curso 2005-2006. Nestas xornadas déronse cita 320 docentes chegados de todos os recunchos de Galicia, coa finalidade de reflexionar e mellorar a súa formación en torno ao novo modelo de biblioteca escolar, as posibilidades deste importante recurso educativo na educación das futuras xeracións, e as súas potencialidades como motor de innovación pedagóxica. Os asistentes tiveron ocasión tamén de coñecer algunhas prácticas de excelencia ou modelos de organización e dinamización existentes dentro e fóra de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia