Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Consellería de Medio Ambiente incumpre o seu compromiso de diálogo á hora de discutir a Lei de Caza

A Federación Ecoloxista Galega ante o inicio da temporada de caza en Galicia alerta que de continuar os vicios, abusos e permisividade que se ven practicando de xeito xeneralizado dentro da actividade cinexética galega para o inicio da próxima década atoparase nunha situación crítica de viabilidade e en claro Perigo de Extinción.

A FEG considera que a caza tradicional que se práctica en Galicia, a máis estendida e contraposta a caza de carácter comercial, é unha actividade perfectamente sostible e un importante complemento de aproveitamento do monte. O feito de que este modelo de aproveitamento estea a desaparecer, cuestión ben coñecida polos colectivos de caza e a propia administración, non ven a ser máis que un claro indicador ambiental da importante perdida de biodiversidade e de deterioro ambiental na que se atopan os nosos montes. Mentres que na década dos noventa se experimentou un importante declive na caza menor, principalmente das especies de coello, lebre e perdiz roxa e que son especies moi vulnerables ás transformacións e cambios de uso do monte, esta circunstancia non se viu acompañada de medidas urxentes, tanto de recuperación de hábitats coma de prevención, que serviran de freo a esta negativa tendencia. Mentres tanto a presión cinexética ano tras ano veuse mantendo a un ritmo semellante e solo a desilusión que deparan os escasos resultados de cada temporada, o cal é normal e froito recollido ante a falta de planificación rigorosa, foi minorando o número de cazadores.


Na práctica a única medida de xestión realizada cun esforzo constante por parte das sociedades de caza foron as controvertidas repoboacións. Feitas dunha forma caótica e na maioría sen control, e baixo unha suposta xestión pseudocientífica acometida polos propios cazadores. Esta práctica non foi máis que unha saída en falso baseada en poñer sucesivos parches que tentaban enmascarar os problemas reais da falta de caza. Cabe agora preguntarse cántos coellos e perdices se ceibaron nos montes de Galicia nos últimos anos, o custe qué esto supuxo, e qué resultados deparou esta práctica e cómo se recuperaron as poboacións cinexéticas. Hai que salientar que a conveniencia desta práctica é dende un punto de vista científico moi cuestionada. Para que estás tiveran éxito necesitarían dun importante esforzo de manexo e control por parte de persoal técnico cualificado, e alto custe, e que solo sería recomendada coma medida de reforzo das poboacións silvestres unha vez adoitados plans integrais de mellora do monte. O resto é simplemente fomentar a “caza en lata”.



Dende a FEG consideramos que o monte galego necesita de axeitados plans de manexo, e entre eles a caza ten que estar suxeita a unha minuciosa xestión técnica, para un recurso que cada vez é máis escaso e que podería supoñer un importante aproveitamento para o medio rural. Para que esto sexa posible, debe poñerse en marcha, de forma inmediata, un modelo de aproveitamento de caza asentado nun sólido planeamento técnico científico, asumindo a administración a responsabilidade de que este se execute de xeito estricto e cun nivel de tolerancia cero para as inadecuadas prácticas, e a súa vez debe limitarse a capacidade e privilexios que o anterior goberno concedeu ás Sociedades de Caza e que na práctica viñan xestionando o seu capricho e sen ningún tipo de supervisión efectiva. Neste sentido, resulta significativo a ausencia de denuncias de caza realizadas polos propios gardas de campo privados dos TECORES.

Deben abordarse medidas de mellora do hábitat baixo actuacións globais, por medio da integración e complemento con políticas forestais, gandeiras, e agrarias que se practican nos montes. Os aspectos de xestión e manexo contemplados na lei de caza, Plans de Ordenación Cinexética e Plans de Ordenación Anual, deben ser asumidos polas Sociedades como unha ferramenta obrigatoria de xestión e non coma un mero formalismo imposto pola lei e dos que despois se prescinde, á vez que deben reunir un mínimo de rigorosidade técnica. Igualmente a Consellería debe de dispoñer de informes técnicos anuais que sirvan de referencia e coma soporte técnico para establecer a orde de vedas, facer público as infraccións de caza e as sancións establecidas anualmente, e deseñar unha Estratexia de Sostibilidade da Caza que permita a recuperación da fauna cinexética e os seus ecosistemas a curto, medio e longo prazo.



O Conselleiro de Medio Ambiente anunciou con data de 17/9/2005 que abordaría a reforma da Lei de Caza de xeito inmediato e con vistas a que antes do comezo da temporada xa estiveran en marcha as reivindicacións establecidas nunha mesa de negociación, contando coa participación de a rede de axentes implicados: cazadores sindicatos e ecoloxistas. Se ben as reunións con cazadores e sindicatos se produciu nas semanas seguintes ao anuncio, dende a FEG lamentamos que non se mantivera contacto ningún coa representación ecoloxista para discutir a reforma da lei de caza tal e como se anunciou. Recórdase á Consellería que existe un Comité Galego de Caza no que están integrados tódolos axentes implicados, e a finalidade do mesmo é favorecer a participación social na adopción de medidas sobre caza, e con vistas a favorecer unha modificación da lei de caza o Comité sería un lugar idóneo para consultar o borrador de modificacións antes de resultar aprobado, independentemente doutras mesas de negociación establecidas.


A caza debido ás dimensións sociais que ten e a súa capacidade de incidir sobre o patrimonio natural e a biodiversidade non debe ser coto exclusivo dos cazadores e debe contar coa opinión de toda a sociedade interesada.



Aprobación dun Plan de xestión do lobo


Por outra banda, a FEG solicítalle á Consellería de Medio Ambiente que aprobe un Plan de Xestión das Poboacións de Lobo de Galicia que determine as medidas a establecer para garantir a supervivencia desta especie. A falta desta ferramenta, fundamental para a súa xestión e conservación, orixina que exista unha forte persecución sobre a especie e que tódolos anos sexan moitos os individuos que son abatidos ilegalmente durante a temporada de caza. Trátase dunha especie da que se fala moito en multitude de foros, transcendendo particularmente opinións pouco cualificadas nas que se salienta unha situación de superpoboación en base a non se sabe que criterios de estimación de censo e que xeran un infundamentado alarmismo social no entorno rural, opinións que en moitos casos permite acceder a interesados trofeos de caza para as Sociedades, cando a metodoloxía de censo para determinar o número de grupos familiares de lobo é moi complexa e a información existente presenta moitas lagoas.



O documento debe incluír unha radiografía sobre a situación actual das súas poboacións, a localización de áreas sensibles e que interfiren con intereses gandeiros, a adopción de medidas para reducir os danos dos ataques incluíndo aquelas que incumban a un mellor control do gando, e a de dar unha resposta rápida a medidas anuais de compensación para a gandería extensiva e de indemnizacións por danos ao gando sometido a vixilancia. Que sexa descatalogada coma especie cinexética. Que contemple a posta en marcha dun programa Antídoto na loita contra velenos, lazos, e a presencia dos Axentes de Conservación en tódalas batidas de raposo e xabaril que se realicen en zonas lobeiras.
O Plan debe contar tamén cunha campaña de sensibilización sobre a importancia de conservación dun dos últimos grandes carnívoros de Europa, e a de desterrar a idea da suposta ameaza que supón para a poboación e a alarma social. Sendo una cuestión moi arraigada na rica tradición oral de contos e lendas populares existentes pero que non conta con casos reais verificados en máis de cen anos, agás un episodio nunha aldea da provincia de Ourense pero con información contradictoria.


Igualmente dende a FEG pedímoslle a Consellería de Medio Ambiente que non autorice batidas de lobo, agás aquelas que estean suxeitas a un informe técnico e no que quede perfectamente xustificado por persoal técnico cualificado da Xunta a necesidade da mesma, e unha vez autorizada que sexa acometida por medio de Axentes de Conservación da Natureza baixo a modalidade de espera e de xeito selectivo.
Martiño Nercellas Méndez.
Federación Ecoloxista Galega