Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Bemestar presenta a 50 concellos un programa de apoio ao transporte adaptado para persoas con dependencia

Un total de 51 concellos galegos de entre 10.000 e 50.000 habitantes poderán habilitar un servizo de transporte adaptado e de acompañamento social para persoas con discapacidade e dependencia grazas ao Programa de Apoio Normalizado de Transporte Adaptado (ANTA) que foi presentado en Santiago pola secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, e polo director xeral de Acción Social, Bieito Seara. Este plan, que se expuxo directamente aos representantes municipais, é unha das 14 iniciativas que se enmarcan dentro do programa 50 Millóns para a Dependencia, cofinanciado pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e o Ministerio de Asuntos Sociais.

O obxectivo do programa ANTA, que se pretende manter para os próximos anos, é que os concellos poidan habilitar os recursos necesarios para proporcionar un transporte adaptado para persoas con dependencia, así coma para a contratación de persoal que acompañe a estes cidadáns con déficits de autonomía persoal, posibilitándolles deste xeito que poidan desenvolver as tarefas propias da vida cotiá.

O desenvolvemento do plan implica un presuposto de 1.250.000 euros, que se derivan da partida de 3.693.000 euros que se destinaron a Galicia dentro do programa 50 Millóns para a Dependencia, dos cales a Secretaría Xeral do Benestar aporta o 10%. A repercusión económica deste Programa de Apoio Normalizado de Transporte Adaptado recae, por tanto, nas administracións central e galega, sen supor ningunha carga ás arcas municipais.

Ao termo da reunión cos representantes municipais, o director xeral de Acción Social, Bieito Seara, incidiu en que estas iniciativas reflicten unha nova forma de gobernar e entender a administración galega marcada polo traballo man con man cos concellos. Seara explicou tamén a intención da Vicepresidencia de informar previamente aos municipios de todos aqueles programas que se vaian poñer en marcha.

Responsabilidade autonómica nos servizos sociais


Pola súa parte, a secretaria Xeral do Benestar, María Xesús Lago, destacou que é a primeira vez que se pon en marcha un plan destas características de xeito institucionalizado por parte da administración autonómica, xa que ata o momento estes servizos de transporte adaptado dependían de que os concellos subscribiran algún convenio con entidades de iniciativa social. Para Lago, “tamén é a primeira vez que se fai unha atención directa a persoas con dependencia sen vencellala directamente aos maiores ou aos discapacitados”. Isto, dixo, supón que dende a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar “se está a dar un enfoque novo que implica traballar de xeito transversal sobre os factores que promoven a desigualdade máis que sobre os colectivos, porque estes non teñen necesariamente a exclusividade dos problemas”. A secretaria xeral do Benestar tamén quixo destacar a xestión da Vicepresidencia para que os recursos destinados á axuda á dependencia chegaran a Galicia en igualdade de condicións que ao resto das comunidades españolas.

Concellos

Os concellos que accederán ao ANTA son os seguintes: Porto do Son, Muros, Santa Comba, A Laracha, Rianxo, As Pontes, Ordes, Sada, Betanzos, Noia, Fene, Teo, Boiro, Ames, Cambre, Culleredo, Arteixo, Ribeira, Carballo, Oleiros, Narón, Sarria, Viveiro, Vilalba, Monforte, O Carballiño, O Barco de Valdeorras, Verín, A Guarda, Vilanova de Arousa, O Grove, Baiona, Tomiño, Gondomar, Bueu, Cambados, Mos, Poio, Tui, Sanxenxo, O Porriño, Nigrán, Moaña, Lalín, Ponteareas, A Estrada, Cangas, Marín, Redondela e Vilagarcía de Arousa.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia