Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O conselleiro de Traballo reúnense en Lugo cos máximos responsables do seu departamento para avaliar as políticas de emprego que reduzan os desequilibrios do territorio

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, mantivo en Lugo unha reunión cos principais responsables do departamento que dirixe. Esta é a primeira ocasión que se celebra unha reunión de coordinación fóra de Santiago, e nela estiveron presentes o secretario xeral da Consellería, José Vázquez Portomeñe, os directores xerais de Promoción do Emprego, Formación e Colocación, e Relacións Laborais, Álvaro Ansias, Pastor Fuenteseca e Pilar Cancela respectivamente, e os catro delegados provincias: Miguel Vázquez, María Debén, Carmen Rodríguez e Pedro Borrajo, máximos responsables das delegacións de Lugo, A Coruña, Ourense e Pontevedra, respectivamente.

O obxectivo de organizar esta reunión fóra de Santiago é manifestar o compromiso da Consellería de Traballo por reducir o desequilibrio territorial que sufre a nosa comunidade.

Neste senso os membros do departamento que dirixe Ricardo Varela, avaliaron durante o encontro as políticas de emprego que poidan axudar a corrixir tales desequilibrios. Entre as liñas de actuación que se avanzaron está o impulso á formación, ó fomento do emprego de calidade, ou o compromiso coa cultura emprendedora e a creación de empresas na Galicia interior.

A sinistralidade laboral é outra das grandes preocupacións das que trataron os responsables de Traballo, que avaliaron a situación da seguridade no traballo na provincia de Lugo e apostaron pola posta en marcha de convenios de colaboración sectoriais coa Dirección de Relacións Laborais que preveñan e combatan os accidentes laborais.

No que vai de ano a provincia de Lugo rexistrou un incremento no número de accidentes laborais do 8,27%, con respecto ao mesmo período (xaneiro- setembro) do 2004. Esta porcentaxe en termos absolutos supón un ascenso de 258 accidentes laborais.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia