Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Suárez Canal espera que a colaboración Medio Rural os Criadores de Raza Rubia Galega permita incrementar o número de resese inscritas durante os próximos anos

O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, acompañado do delegado desta Consellaría en Lugo, Emilio López Pérez, e do presidente da Asociación Galega de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA), César Dorado Pin, achegouse esta mañá ata o recinto do mercado gandeiro de Adai, no municipio lucense do Corgo, onde tivo lugar a 71ª Poxa Nacional de Reproductores Selectos da raza “Rubia Galega”. Un evento no que os gandeiros presentaron os seus mellores exemplares no apartado de exposición e puideron realizar transaccións comerciais durante a subasta celebrada posteriormente.

Durante a visita o conselleiro salientou o traballo realizado por ACRUGA desde a súa fundación na década dos sesenta ata a actualidade, sobre todo desde que en 1975 asumiu a xestión do Libro Xenealóxico da raza “Rubia Galega”. Neste sentido, Suárez Canal explicou que a intención do seu departamento é estreitar a colaboración coa asociación de criadores “para que o número de inscricións desta raza autóctona se incremente notábelmente durante os próximos anos”.

Con este obxectivo, Suárez Canal comprometeuse a traballar para mellorar a selección xenética dos animais e a apoiar economicamente aos gandeiros que apostan pola produción de carne de vacún “a través dunha das razas autóctonas que ten máis futuro de Galiza”. Referiuse especialmente ás medidas que desde a administración galega se poden por en marcha para mellorar o control de rendemento dos animais, como facilitar o coñecemento do peso exacto que acadan os becerros nos matadoiros, incrementar o orzamento dedicado ás axudas para os gandeiros que califican as vacas despois do primeiro parto ou que pesan os becerros despois dos sete meses. Neste sentido, agradeceu a colaboración dos titulares das explotacións gandeiras que permiten pesar as reses nos matadoiros para mellorar a selección xenética dos seus pais e sinalou que “no que vai de ano pesáronse un 9,3% máis de xatos que en 2004”. Por último, Suárez Canal animou aos membros de ACRUGA a seguir traballando no programa de mellora gandeira e na protección desta raza autóctona.
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLARÍA DO MEDIO RURAL