Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Fernando Blanco anuncia unha axuda de 600.000 euros para un proxecto de I+D do Porto de Celeiro

A Consellería de Innovación e Industria apoiará a I+D+I no sector pesqueiro, segundo anunciou o titular do departamento, o nacionalista Fernando Blanco, despois de reunirse cos representantes do Porto de Celeiro. Blanco comprometeu nesta reunión unha partida de 600.000 euros, a cargo dos presupostos de 2005, para desenvolver o proxecto de investigación “Peixe Verde”, proposto pola Fundación para a Investigación, Desenvolvemento Tecnolóxico e Innovación no Sector Pesqueiro do devandito porto viveirense, por mor do problema xerado no mar pola alza do prezo dos hidrocarburos.

A investigación que propón o Porto de Celeiro, pioneira no Estado, tratará de desenvolver un novo sistema de carburación nas embarcacións, baseado no emprego do gas, que poida aforrar os elevados custos que xera actualmente o gasóleo. A este respecto, o titular de Innovación e Industria afirmou que a súa consellería se fai eco da suba do prezo deste combustible, que nos dous últimos anos aumentou o seu custo nun 75%, así como das dificultades coas que bate o sector pesqueiro para afrontar a suba.

O proxecto “Peixe Verde” tratará de combater estes atrancos que formulan os altos prezos dos combustibles ao desenvolvemento pesqueiro, non só de Celeiro e da Mariña, senón de toda Galiza. Sendo conscientes, salientou Fernando Blanco, da importancia do sector da pesca en xeral e das 111 embarcacións do Porto de Celeiro para a economía da Mariña luguesa e da provincia, “é necesario que o Goberno galego adopte medidas que permitan que a nosa frota poida seguir tendo futuro, poida seguir competindo e sobre todo que poida funcionar en igualdade de condicións nas diferentes pesqueiras con outras frotas de Europa”.

Pola mesma razón, o conselleiro de Innovación e Industria felicitou a idea do Porto de Celeiro de pór en marcha a Fundación para a Investigación, Desenvolvemento Tecnolóxico e Innovación no sector pesqueiro, tanto porque dende esta fundación se formulan “solucións reais ao problema da suba dos hidrocarburos” coma pola importancia de lanzar dende Galiza “proxectos punteiros en materia de Investigación e Desenvolvemento”, que plasman a realidade dun país con grandes posibilidades de desenvolvemento e cun tecido empresarial “que aposta e innova”.

Xa no mes de setembro o conselleiro nacionalista visitara Celeiro e coñecera de primeira man o proxecto investigador, o cal se comprometera a apoiar en función da dispoñibilidade de fondos da consellería de Innovación e Industria. Esta tarde Fernando Blanco sinalou que o proxecto seguirá contando co apoio do departamento de Innovación e Industria en exercicios sucesivos, no compromiso de “apoiar na medida do posíbel a todos cantos crean riqueza, a todos cantos apostan cun liderado claro como é neste caso o Porto de Celeiro”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia