Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O secretario xeral de Comunicación da Xunta avoga por que as TIC sexan un instrumento para combater a desigualdade e a exclusión social, no primeiro Día de Internet

O secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia avoga por que “as TIC sexan un instrumento para combater a desiguladade e a exclusión social”. Fernando Salgado fixo estas declaracións na presentación do novo portal do Proxecto Cidades Dixitais nun acto no que estivo acompañado polo director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias; a directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria, María Elena Veiguela Martínez; o representante do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, José Mª Museros, e a delegada da Presidencia e Relacións Institucionais do concello de Santiago, Teresa García Sabell, coincidindo co Primeiro Día de Internet.

Fernando Salgado García sinalou como un dos principais obxectivos do novo Goberno galego a xeralización do uso de internet. O secretario xeral de Comunicación da Xunta recordou que os novos orzamentos para o vindeiro ano intentarán que 10.000 fogares teñan acceso á rede. Na mesma liña, lembrou o compromiso feito polo novo Goberno de que ao final da lexislatura cada centro educativo conte cun ordenador para cada dúas persoas.

O secretario xeral de Comunicación indicou que é fundamental promover o incremento de ordenadores e tamén o acceso a internet. Sinalou que un dos máximos obxectivos da Xunta será que toda Galicia dispoña de banda ancha xa que “as tecnoloxías da comunicación deben permitirnos construír unha sociedade moito máis libre, plural, igualitaria e mesmo máis diversa”.

Proxecto Cidades Dixitais

O proxecto está liderado pola Secretaría Xeral de Comunicación a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e válese, á súa vez, do Proxecto Pista-Administración Local, participado pola Administración central e a Federación de Municipios e Provincias (Fegamp).

O sistema presentado no Club de Prensa compostelán baséase nun módulo de plataforma multiportal que permite aos concellos adscritos xerar, manter e publicar información local dun xeito sinxelo en internet. Ademais, aporta as ferramentas de base para ofrecer servizos de e-Administración que as entidades locais poden ir incorporando conforme os seus procesos de traballo se adapten ás novas canles.

Fernando Salgado anunciou que o ministro de Industria, José Montilla, e o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, teñen previsto asinar proximamente un novo convenio para incorporar as cidades de Vigo e Lugo ao novo proxecto de Cidades Dixitais.

Tras a presentación do Proxecto, o director xeral de Comunicación, xunto co resto de participantes no acto, trasladáronse ata a Praza da Quintana para visitar a carpa instalada con motivo do Primeiro Día de Internet onde se atopaban os concursantes do Programa Internet nas Bibliotecas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia