Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta avoga pola prudencia e aconsella esperar a que se rematen os procedementos xudiciais abertos sobre o uso do topónimo da Coruña

A directora xeral de Administración Local, Begoña Rodríguez Rumbo, asegurou no decurso da Comisión I do Parlamento, que no Goberno galego existe un respeto total e absoluto pola política lingüística e pola súa normalización e avogou por manter unha postura de “prudencia” no que se refire ao uso do topónimo da Coruña, apuntando a necesidade de esperar a que se rematen os procedementos xudiciais abertos ao respecto e exista unha sentencia firme.

Segundo explicou a directora xeral, en decembro de 2004 a Xunta formulou un requirimento ao Concello de A Coruña para que se procedese, no prazo dun mes, á anulación do acordo sobre a denominación do municipio. Posteriormente, constatado o incumprimento deste requirimento por parte do Concello, a Xunta de Galicia interpuxo un recurso Contencioso Administrativo e o15 de setembro de 2005 oXulgado do Contencioso-Administrativo nº 3 da Coruña dictou sentencia pola que se acolle o Recurso interposto polo Letrado da Xunta de Galicia, anulándoo por contrario a dereito. Coa interposición do recurso contencioso-administrativo solicitouse a adopción da medida cautelar de suspensión do referido acordo adoptado polo Concello de A Coruña, dictándose polo devandito órgano xudicial auto de acollemento da petición de suspensión. Contra o referido auto, interpúxose recurso de apelación por parte da representación do Concello de A Coruña, pendente de resolución a día de hoxe.

Así mesmo, Begoña Rodríguez Rumo, explicou na súa intervención que a potestade de facer executar as sentenzas e demais resolucións xudiciais corresponde, neste suposto, exclusivamente aos Xulgados e Tribunais do orde xurisdiccional contencioso-administrativo e o seu exercicio compete ao órgano que coñecera do asunto en primeira ou única instancia, non sendo necesaria a previa solicitude ao órgano xurisdiccional, tal e como se desprende da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da Xurisdicción Contencioso-Administrativa. En caso de inexecución, sería o propio Ministerio Fiscal o que denunciase tal incumprimento, engadiu.

A día de hoxe, segundo asegurou a directora xeral de Administración Local, a Xunta de Galicia atópase inmersa nun procedemento aberto cuxos trámites continúan. Neste momento está pendente a resolución dos recursos de Apelación interpostos pola representación do Concello de A Coruña (contra o auto de acollemento da medida cautelar de suspensión do acordo e contra a sentencia dictada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 3 de A Coruña pola que se acolle o recurso interposto pola Xunta de Galicia), de xeito que a vía contencioso-administrativa non é firme.

Organización administrativa do territorio

Por outra banda, a directora xeral de Administración Local, Begoña Rodríguez Rumbo, respondeu tamén na Comisión I a unha pregunta oral sobre a organización administrativa do territorio galego. Na súa intervención lembrou que “se se pretendera a consideración da comarca como entidade local, debería determinarse nunha lei autonómica”; e no que se refire ás rexións, asegurou que deben entenderse cun “carácter estrutural aglutinador”.

Rodríguez Rumbo avogou por fortalecer agrupacións “funcionais, e non administrativas, de planificación e de control”, e polo desenvolvemento das dúas áreas metropolitanas e as tres áreas urbanas conxuntamente coas zonas semiurbanas e rurais, como asentamentos de poboacións diferenciadas merecedoras dunha protección específica.

Así mesmo, sinalou a necesidade de crear infraestruturas de planificación de investimentos e de priorización e programación de actuacións para dar resposta ás necesidades de novas fórmulas de agrupamento poboacional en materias como transporte, uso de solo, servizos ou infraestruturas, buscando así unha “organización administrativa máis eficiente” nestes ámbitos. A directora incidiu na importancia da utilización do “consenso e diálogo, e nunca as imposicións”, na aplicación destes conceptos.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia