Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Innovación e Industria, Fundación Cel e Caixa Galicia colaboran para a creación dun centro de demostración tecnolóxico en Lugo

A Consellería de Innovación e Industria, Caixa Galicia e a Fundación CEL colaboran para pór en marcha un Centro de Demostración Tecnolóxico en Lugo, co obxectivo de permitir o acceso ás pemes da provincia a novas tecnoloxías aplicables para a mellora da Sociedade da Información. Así o explicaron o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, o presidente da Fundación CEL, Guillermo Sánchez Vilariño e o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, durante a sinatura do protocolo de colaboración que tivo lugar na sé da Fundación CEL - Iniciativas por Lugo.

A achega da Consellería para este proxecto ascenderá a 242.715 euros que serán distribuídos en dúas anualidades de 128.895 euros no ano 2005 e 113.820 no exericio 2006. O Centro de Demostración Tecnolóxica desenvolverá un programa de formación mediante series continuadas de citas individuais e sesións de demostración de afluencia masiva e prestará apoio permanente na adaptación das novas tecnoloxías. Asemade, porá en marcha unha web de divulgación tecnolóxica e rexistros das empresas demostradoras, das atendedoras de cursos e dos usuarios do centro.

A Fundación encargarase de difundir entre os profesionais e empresarios galegos a información e conceptos necesarios para afrontar o reto da innovación, comunicándolles e convocándoos ás actividades que se desenvolvan no Centro, que estará situado nun inmoble cedido por Caixa Galicia, concretamente no nº 52 da Ronda da Muralla. A entidade financeira asume tamén os custos derivados da contratación dun técnico responsable do funcionamento do Centro.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación da Xunta de Galicia