Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Reunión do alcalde de Ponteareas co director xeral de Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia

Na reunión, dende o Concello se lle transmitiron ao Director Xeral os obxectivos e liñas de traballo que no eido da educación ambiental e da sostibilidade municipal se están a levar a cabo no Concello de Ponteareas nos derradeiros anos. Por mor delo, solicitaron ao Director Xeral a colaboración da Consellería de Medio Ambiente, e concretamente do seu departamento, en tres actuacións moi importantes.
En primeiro lugar a colaboración da Consellería para o mantemento do Centro de Educación Medioambiental (que abrangue a Aula da Naturaza) para levar adiante o Plan de Educación Medioambiental e o programa de viabilidade do centro, como centro de desenvolvemento sostíbel vencellado á Rede Natura 2000, de carácter supramunicipal. Esta colaboración, segundo as conversas, suporá a financiación, por parte da Consellería, da educación medioambiental directa por medio de un monitor ou educador que desenvolva os programas do centro e as liñas de actuacións que se concreten coa Consellería coa finalidade de coordinar en Galicia programas homoxéneos e estructurados de educación medioambiental.
En segundo lugar, solicitouse a súa presenza como ponente nas 1ª Xornadas Medioambientais de Ponteareas que baixo o tema de “O futuro de Galicia ante o reto ambiental do século XXI”, así como a colaboración da Consellería na financiación da xornada técnica e mesmo a colaboración para a realización de actividades medioambientais a celebrar paralelamente dirixidas ós mozos do Concello.
A aceptación ás dúas propostas por parte do Director Xeral quedou pendente do envío, por parte do Concello, do programa da Xornada e unha estimación dos custes.
Con vistas ao ano 2006, e seguindo os novos criterios de actuación en materia de educación ambiental da Consellería de Medio Ambiente, tratouse a posibilidade de que o Centro de Educación Medioambiental e Desenvolvemento Sostíbel do Castelo de Sobroso pase a ser “centro asociado ao CEIDA” (Centro de Extensión Universitaria), polo que será posíbel a celebración de cursos de formación de técnicos, educadores en materia de educación ambiental e medio ambiente, o que supón un recoñecemento ao labor que, en materia de educación ambiental, se desenvolve no Concello dende o ano 1996.
Para rematar, solicitouse a colaboración da Consellería de Medio Ambiente para a realización dun curso de “Aplicación medioambiental dos Sistemas de Información Xeográfica”. Dito curso, que se está a preparar entre o Director do Centro de Educación Medioambiental e o Colexio de Xeógrafos de Galicia, suporá a formación do pesoal dos concellos da comarca nas novas tecnoloxías de información xeográfica aplicadas á xestión do medio ambiente.
O Concello de Ponteareas espera que as conversas fructifiquen e os acordos previos e liñas de colaboración estabrecidas teñan como resultado a implicación da Consellería de Medio Ambiente na promoción da educación ambiental e a sostibilidade no Concello de Ponteareas, tal e como se comprometeu o Director Xeral D. Emilio Fernández Suárez, que dase a curiosa circunstancia de ser tamén veciño de Ponteareas.
Gabinete de Prensa del Ayuntamiento de Ponteareas