Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Méndez Romeu defende a creación de áreas metropolitanas como espazos de planificación e non como estructuras administrativas

Segundo explicou, a Xunta mantén conversas con concellos para buscar “canles axeitadas aos obxectivos que se perseguen, que non teñen por qué ser as previsións da Lei de Réxime Local 5/1997, que será pronto modificada”, segundo anunciou.

Méndez explicou que normalmente se queren atribuír ás estruturas supralocais competencias en catro áreas: tratamento , abastecemento e saneamento de augas; recollida de residuos sólidos; transporte público; e urbanismo. O conselleiro asegurou que os procedementos de agrupación supralocal funcionan nos dous primeiros casos, pero ata o de agora non obteñen resultados positivos en operacións de planificación supralocal en materia de transporte público e no que se refire ás competencias urbanísticas.

Na súa intervención, Méndez Romeu explicou que a Lei Réxime Local de 1997 que prevía as áreas metropolitanas en Galicia “non foi desenvolvida polo Goberno anterior en oito anos, probablemente porque máis alá da vontade do Goberno existía a conciencia de que non había esa votade nos concellos afectados por esas hipotéticas áreas metropolitanas”. Neste sentido, e referíndose á área da Coruña, o conselleiro explicou que na actualidade non existe “ningunha petición formal dos concellos desa área para proceder á creación dunha área metropolitana que cubra esa zona que rodea A Coruña capital”, e engadiu que “incluso nestes días pasados se produciron pronunciamentos contrarios por parte dalgún concello, sen o concurso do que sería inviable calquera plantexamento”.

Ao seu xuízo, a mancomunidade de concellos da Coruña, como en xeral as case 40 mancomunidades que existen en Galicia, “levan unha vida lánguida, con pouco contido e con pouca capacidade de servizo”. Fronte a isto, Méndez Romeu referiuse ao funcionamento do Consorcio das Mariñas, “que está a prestar de xeito satisfactorio” os servizos de recollida de residuos sólidos e de abastecemento e saneamento de augas, asegurou. Isto amosa, segundo dixo, que “existen experiencias que fracasan e experiencias exitosas e o Goberno cre que hai que apoiar estas últimas”.

O conselleiro de Presidencia explicou na súa intervención que en países europeos como Reino Unido ou Francia, entre outros, están fracasando as estruturas administrativas de carácter supralocal, e a creación deste tipo de estruturas está sendo sometida a revisión, principalmente porque “o conflicto político aparece en primeiro plano, o que resulta dificilmente compatible –segundo Méndez Romeu- coa autonomía política dos concellos, protexida pola Constitución”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia