Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Fernando X. Blanco sinala á dotación de solo industrial e ao investimento en I+D+I como claves para mellorar os niveis de crecemento industrial de Galiza

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, sinalou en Vigo á dotación de máis solo industrial e a un maior investimento en I+D+i como claves para mellorar o actual nivel de crecemento industrial en Galiza. O conselleiro nacionalista fixo estas declaracións no marco da xornada de traballo que mantivo hoxe coa Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME), unha xornada que cualificou de moi positiva xa que, segundo dixo, “antes de tomar decisións é importante coñecer os problemas do sector e as respostas que espera”. Blanco visitou empresas dos sectores naval, aeronáutico e da automoción, unha toma de contacto entre Administración e empresarios aos que estes últimos o conselleiro recoñeceu “o seu labor como axentes de desenvolvemento económico, responsables de que as empresas vaian ben e, polo tanto, Galiza camiñe tamén cara aos niveis de desenvolvemento que precisa”.

O titular de Innovación e Industria asegurou que o Goberno Galego dará resposta ás necesidades de solo industrial trasladadas polo sector e, neste sentido, lembrou que a Xunta vén de rematar o proceso de expropiación dos terreos da PLISAN. Nesta mesma liña anunciou que nos orzamentos autonómicos do ano 2006 se incluirá unha partida de 37 millóns de euros para o polígono industrial de Mos e subliñou que o novo PXOM de Vigo suporá a liberación de 4 novos millóns de m2 de solo industrial. Asemade, Fernando Blanco destacou a “seria aposta” da consellería pola I+D+i como ferramenta para incrementar a competitividade empresarial e como un investimento de futuro. Así, explicou que o seu gabinete incrementará nun 39% as políticas de I+D+i co obxectivo de acurtar as distancias que actualmente existen en relación ao Estado, xa que Galiza dedica a investigación e desenvolvemento o 0,86% do seu PIB, fronte ao 1,1% estatal.

O conselleiro tamén se referiu á importancia de que, por primeira vez, Galiza forme parte do consello de administración do Instituto de Comercio Exterior o que, segundo afirmou, “nos vai permitir potenciar a nosa imaxe no exterior e buscar novos investimentos”. “Temos que posicionar os nosos produtos, o noso comercio exterior canto antes e buscar investimentos fóra”, recalcou. A estas liñas de actuación Blanco sumou tamén a necesidade de apostar pola calidade e a excelencia como mellor xeito de competir nun mundo cada vez máis globalizado e sinalou á cooperación entre empresas como fórmula para afondar no coñecemento e transformalo en tecnoloxía e desenvolvemento empresarial.

Fernando Blanco visitou as empresas Delta Vigo, Benteler Automotive e Vicalsa, acompañado do presidente de ASIME, José María Hidalgo, e dos directores xerais de Promoción Industrial, I+D+I e Industria, Enerxía e Minas. O conselleiro presidiu, ademais, o acto de entrega de dous certificados de calidade á devandita asociación de metalúrxicos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia