Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Consellería de Presidencia ten previsto elaborar un novo texto legal de coordinación de policías locais

O conselleiro José Luis Méndez Romeu presidiu a reunión da Comisión de Coordinación de Policías Locais da Comunidade Autónoma, na que se presentaron os obxectivos e liñas de actuación en materia de coordinación de policías locais nesta lexislatura. No decurso desta xuntanza trasladouse aos asistentes que a Consellería de Presidencia elaborará un novo texto legal en materia de coordinación de policías locais.

Entre os obxectivos figuran dar prioridade a garantir a seguridade como valor propio da sociedade do benestar, poñendo en marcha unha política de seguridade global que teña como vértice as políticas de prevención e desenvolvemento social; e abordar con urxencia un novo modelo policial que responda aos principios de descentralización e seguridade. Configúranse como instrumentos básicos desta política integral de seguridade a creación dunha Policía Autonómica e a coordinación das policías locais, tanto entre elas como en relación cos outros corpos policiais evitando disfuncionalidades e no marco dunha plena garantía de corresponsabilidade entre as distintas Administracións.

Novo texto legal

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza elaborará un novo texto legal en materia de coordinación de policías locais, no que primarán a racionalización, a colaboración entre administracións públicas e a coordinación policial. O compromiso é acadar un maior nivel de profesionalidade e homoxeneidade dos corpos de policía local da Comunidade galega. Así mesmo, preténdese potenciar a coordinación, planificación e participación no sistema de seguridade de Galicia; modernizar a organización policial (material, instalacións...); reforzar o papel das xuntas locais de seguridade e dos consellos locais de seguridade; potenciar a comunicación e coordinación de tódolos corpos de policía local de Galicia mediante bases de datos comúns e sistemas de comunicación conxuntos que garantan a coordinación.

O obxectivo último destas actuacións é ofrecer aos cidadáns o mellor servizo posible baixo os criterios de eficiencia e eficacia, xa que a proximidade na xestión da seguridade permite unha mellor execución das políticas públicas integrais baseadas na protección dos dereitos e liberdades dos cidadáns; e potencias máis os aspectos preventivos, participativos e solidarios que os puramente reactivos, polo que dan prioridade á educación e ao civismo para conseguir eses fins.

Mentres non se aprobe este novo texto legal, continuarase dinamizando o funcionamento da Comisión de Policías Locais; impulsarase a coordinación da formación profesional dos policías locais no Centro de Estudios Xurídicos e Seguridade Pública de Galicia (CEXESGA); promoverase un sistema de información e asesoramento en materia de seguridade pública; e garantirase a efectividade da coordinación, entre outros asuntos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia