Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Touriño anuncia aos alcaldes da Costa da Morte a posta en marcha inmediata dun Plan Integral de Desenvolvemento da Comarca

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, anunciou a posta en marcha dun Plan Integral de Desenvolvemento da Costa da Morte nunha reunión cos 16 rexedores da comarca na que estes lle amosaron a súa vontade e compromiso de colaborar no seu deseño. O máximo mandatario galego, que sinalou que os traballos de elaboración do plan se iniciarán de inmediato, puxo como prazo para a redacción deste proxecto os próximos seis meses, nos que se fixará o seu compromiso presupostario.

Segundo explicou o titular do Executivo galego, o plan terá unha “vocación integral” e deberá ser capaz de nuclear e instrumentar “todos os elementos capaces de lograr o desenvolvemento produtivo da Costa da Morte, para lograr a creación de emprego e riqueza e facer da comarca un espazo con futuro, estabilidade, crecemento e con capacidade de atraer turismo e recursos”.

Tras agradecer a “acollida e dispoñibilidade” dos alcaldes para participar e colaborar neste plan, o xefe do Executivo autonómico manifestou que debe ser un instrumento non só da Xunta, senón dos concellos, dos axentes económicos, os axentes sociais e a sociedade civil, polo que se dialogará e recabará a participación de todos eles.

O presidente indicou que este plan mobilizará á práctica totalidade das consellerías, especialmente á Consellería de Política Territorial e á de Medio Ambiente, pero tamén terán un peso importante os departamentos de Innovación, Pesca e Vivenda.

Áreas abordadas polo plan

Emilio Pérez Touriño indicou que neste plan se abordarán áreas como as infraestruturas, especialmente as comunicacións da Costa da Morte coa Coruña e o sur; o saneamento integral dos concellos; os portos da Costa da Morte, buscando a súa recuperación; os temas enerxéticos; a creación e dispoñibilidade de solo industrial; e o fomento de sectores como o turismo e servizos e a pesca e a acuicultura. O proxecto contará tamén con actuacións en servizos sociais.

O Goberno galego, indicou Touriño, pretende que este plan sexa “estable e sostido no tempo” e sirva para dinamizar esta comarca e frear “a desertización, a falta de emprego e o abandono” que padece.

“Temos unha nova realidade e novos plantexamentos. As actuacións que estaban previstas na Costa da Morte se están a executar e este plan nace como unha actuación integral para a comarca. As actuacións que recolle desbordan un plan saído ao fío da catástrofe do Prestige”, sinalou Pérez Touriño, quen pretende que este programa sirva para dinamizar esta comarca de Galicia.

Asistentes á reunión

Á reunión en Monte Pío asistiron todos os rexedores da bisbarra da Costa da Morte, que salientaron ante o presidente que se trataba da primeira vez que se producía unha xuntanza de traballo deste tipo. Con Emilio Pérez Touriño estiveron José María Pequeño Castro (Dumbría); Evencio Ferrero Rodríguez (Carballo); Alejandro Rodríguez Lema (Vimianzo); José María García Martínez (Carnota); José María López Varela (Laracha); Ernesto Riero Oreiro (Zas); José Antonio Domínguez García (Cee); Antonio Cariacedo Sacedón (Laxe); José Muiño Domínguez (Cabana de Bergantiños); José María Traba Fernández (Fisterra); Alberto Blanco Rodríguez (Muxía); José Ramón Varela Rey (Malpica); José Luis Fondo Aguiar (Ponteceso); Bautista Santos Ramos (Camariñas); Francisco Javier Lema Fuentes (Corcubión); Antonio Pensado Plágaro (Coristanco).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia