Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O conselleiro de Medio Ambiente anuncia a revisión exhaustiva do Plan de Xestión de Residuos de Galicia

O conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez, anunciou ante pleno do Parlamento autonómico unha revisión exhaustiva do Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbáns de Galicia, en vigor desde 1998 pero cuxas actualización e adaptación ás normativas nacional e europea están pendentes desde hai xa máis de tres anos. A consellería contará e consensuará este novo plan con tódolos sectores afectados ou que interveñen nos procesos de tratamento, eliminación, reciclaxe e recuperación do lixo, principalmente os concellos e as empresas xestoras. A Consellería tamén presentará, para o seu debate con tódolos grupos políticos, un proxecto de lei marco de Residuos de Galicia.

O futuro modelo de xestión integral dos RSU en Galicia que promove esta Consellería pretende integrar e coordinar tódolos sistemas existentes, cunha redefinición e ampliación da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) –participada nun 51% do seu accionaríao pola Xunta de Galicia–, e a integración, como modelos complementarios, das plantas comarcais de compostaxe como son a de Nostián, en A Coruña, e as das mancomunidades de O Barbanza e de O Morrazo. “Buscaremos acordos coas alternativas de tratamento que elixan libremente cada concello”, anunciou Manuel Vázquez.

En resposta a unha interpelación parlamentaria plantexada polo Grupo Popular, Manuel Vázquez salientou que é urxente redactar este novo plan dado que, na actualidade, en Galicia se xestionan os residuos sólidos urbáns en base a unha lei autonómica de 1997 que está desfasada por ser anterior a normativa estatal básica (aprobada en 1998) e a un plan que está pendente de revisión desde 2002.

O conselleiro de Medio Ambiente falou tamén da “absoluta inconcreción” do documento de consulta elaborado polo anterior Goberno da Xunta para revisar o Plan de Xestión de RSU e recordou que entre as múltiples alegacións presentadas por concellos, mancomunidades e colectivos ecoloxistas a ese texto, se facía fincapé na súa contradición coas lei e plan nacionais e se recordaba que non tiña en conta, tal e como establece a Unión Europea, a prioridade do compostaxe, como fórmula de reciclaxe, sobre o sistema de incineración.

Modelos complementarios de xestión de RSU

A Consellería de Medio Ambiente aposta por definir un plan de xestión integral de residuos que inclúa, con acordos de colaboración e complementariedade, os distintos modelos e infraestruturas de xestión de residuos existentes na actualidade en Galicia co fin de lograr os maiores niveis posibles de reciclaxe e recuperación do lixo.

As plantas comarcais de compostaxe como a de Nostián ou de O Barbanza contan, destacou o conselleiro, co apoio da Xunta de Galicia como fórmulas válidas e alternativas para o tratamento do lixo que responden a vontade de primar a prevención, reutilización e reciclaxe. “Imos a entendernos con eles e buscar mecanismos de colaboración, con pleno respecto a liberdade de cada entidade para elixir o sistema para tratar os residuos sólidos urbáns, porque non hai ningún modelo absoluto, nin o é a compostaxe, nin tampouco a incineración”, afirmou Manuel Vázquez.

O responsable de Medio Ambiente do Goberno galego fixo fincapé tamén na necesidade de redefinir o papel asignado a Sogama, que resulta obsoleto e que ademais, ten unha planta que leva xa tempo totalmente saturada, ao recibir cada ano 400.000 toneladas de lixo por enriba da súa capacidade. Indicou que esta sociedade mixta debe ser o actor principal en Galicia da eliminación dos residuos que non poden ser recuperados, reciclados ou reutilizados.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia