Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta estudiará que as deputacións participen no financiamento a través da participación dos ingresos da comunidade autónoma

A Xunta estudiará que as deputacións provinciais poidan participar nun futuro no financiamento a través da participación dos ingresos da comunidade autónoma, segundo anunciou o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, tras reunirse con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e das corporacións provinciais.

O titular da Consellería sinalou que se trata dun “plantexamento inicial absolutamente coherente” en tanto en canto existen en Galicia un gran número de concello “pequenos e medianos con febleza de recursos económicos”. Afirmou así mesmo que se tratarán tamén as demandas específicas das deputacións na comisión técnica que prepara o Pacto Local, “que se quere subscribir a comezos do ano próximo”.

Méndez Romeu explicou que durante a xuntanza houbo oportunidade de realizar entre os distintos organismos participantes un intercambio de opinións sobre algunhas fórmulas de xestións dos servizos públicos locais, o que demostrou que existe xa unha “coincidencia inicial” entre os plantexamentos do Goberno galego, da FEGAMP e das deputacións provinciais. “Ao final do que se trata é de dotar a todos os cidadáns de Galicia, e a todos os concellos, de servizos de calidade semellantes para atender ás mesmas situacións en aspectos como poden ser a recollida e tratamento de lixo ou o saneamento e abastecemento de augas”, subliñou.

O conselleiro referiuse tamén ao “recoñecemento do papel das deputacións nun proceso que “nin afecta nin minora a autonomía municipal, qué e plena e así está recoñecida na Constitución; e tampouco interfire no papel da Xunta, que é máis de regulamento legal”, polo que considerou que se está avanzando “neste proceso de ter unha administración local galega máis moderna e mellor coordinada coa administración autonómica”.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia