Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Emilio Pérez Touriño asegura que o novo Corredor do Morrazo permitirá dar un salto histórico na vertebración da área metropolitana de Vigo

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, asegurou en Moaña que a apertura do último treito do corredor do Morrazo permitirá “dar un salto histórico na vertebración da área metropolitana de Vigo”, o que permite avanzar na “vertebración” do sur da comunidade autónoma. A nova infraestrutura de alta capacidade dará servizo aos 350.000 habitantes dos concellos de Bueu, Cangas, Moaña e Vigo, e beneficiará a todos os municipios do contorno vigués.

Así o indicou o máximo mandatario galego na inauguración do último treito da vía de alta capacidade do Morrazo, acto no que estivo acompañado pola conselleira de Política Territorial, María José Caride. Unha infraestrutura na que o Executivo galego investiu 92,7 millóns de euros para habilitar un corredor de 20,7 quilómetros que conta con 13 pasos superiores, 15 pasos inferiores e 5 viadutos cos que salvar a complexa orografía da comarca.

Emilio Pérez Touriño sinalou que a apertura desta vía, que conecta a ladeira sur e a zona oeste da península do Morrazo coa Autoestrada do Atlántico (AP-9), supón un “importante impulso” para a área metropolitana viguesa e para a vertebración territorial do sur de Galicia, o que axudará a incrementar o dinamismo económico da zona. Segundo indicou, trátase dunha aposta de gran calado que redundará en beneficio do Morrazo e de toda a área metropolitana de Vigo. O presidente da Xunta afirmou que a ría debe ser un elemento de unión e comprometeuse a poñer en marcha un plan de transporte público integral que garanta a mobilidade de toda esta área metropolitana.

O mandatario galego reiterou o seu compromiso de liberar a peaxe de Rande para que os veciños do Morrazo non teñan que pagar cada vez que se teñen que desprazar, “para que Rande sexa historia”.

O titular do Executivo galego incidiu ademais en que esta nova vía se integra no proxecto de mellora das comunicacións do sur da provincia, como o segundo cinto de Vigo, posto en servizo esta mesma semana, ou o acceso ao porto de Vilagarcía, licitado hoxe polo Ministerio de Fomento.

Tarefa colectiva

O presidente da Xunta quixo facer un recoñecemento ao esforzo feito por todos os cidadáns e por todas as administracións para o nacemento desta obra. Touriño dixo que esta actuación é o resultado dunha “tarefa colectiva” e quixo facer un recoñecemento explícito aos veciños do Morrazo, aos alcaldes e ás autoridades de todas as administracións que fixeron posible este proxecto.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia