Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta creará infraestructuras para atender ás necesidades xudiciais da Coruña e Vigo

A Xunta creará novas infraestructuras para garantir que, no futuro, as necesidades xudiciais da Coruña e Vigo estean correctamente atendidas, xa que estas dúas cidades son “os dous polos do crecemento da litixiosidade” en Galicia. Así o afirmou o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, quen presidiu unha xuntanza da Comisión Mixta da Fiscalía na Coruña.

O actual proceso de creación de novas unidades especializadas, con obxectivos como a creación de xulgados específicos de violencia contra as mulleres e a independencia dos xulgados de menores dos de adultos, “fai necesario que contemos con edificios de nova planta, adaptados ás necesidades da propia sociedade na súa relación coa xustiza”, declarou o conselleiro.

O titular de Presidencia sinalou que na Coruña hai algunhas propiedades nas que a Xunta podería construír, apuntando coma exemplo a reserva de solo para equipamentos administrativos que hai no futuro parque ofimático. A decisión, que se tomará nos primeiros meses do 2006, dependerá do informe do Poder Xudicial sobre as súas necesidades e da avaliación das distintas ofertas de solo existentes na cidade.

Melloras no sistema informático

No transcurso da xuntanza, estudiáronse as necesidades das dependencias xudiciais na Comunidade Autónoma, facendo fincapé nos lugares nos que se van crear novas prazas de fiscal: A Coruña (2 prazas), Ferrol (1), Santiago de Compostela (3), Mondoñedo (1) e Vigo (3). Entre as medidas que se tomarán para mellorar a eficacia do sistema actual destaca a implantación dun sistema de videoconferencia IP para a fiscalía, que se porá en marcha na primeira semana do 2006, de xeito que non sexa necesario o desprazamento de fiscais.

Así mesmo, o 15 de decembro viaxarán a Madrid o Director Xeral de Xustiza, Santiago Roura Gómez, o Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela García, e os Fiscais Xefes das Audiencias Provinciais galegas para reunirse con representantes da Fiscalía General del Estado e manter unha xuntanza sobre a implantación dun novo programa informático da Fiscalía que comezará a funcionar no mes de xaneiro.

Por parte da Consellería, anunciouse que se está a realizar un plan de avaliación das cargas de traballo e de protocolización das funcións nas oficinas da Fiscalía en Galicia de cara ao deseño da relación de postos de traballo nestas dependencias, que permitirá avaliar as necesidades existentes e afrontar de maneira racional a carga de traballo que soportan os funcionarios da Administración de Xustiza galega.

Xulgados especializados

En resposta a unha pregunta sobre a necesidade de crear xulgados especializados para narcotráfico e crime organizado en zonas coma O Salnés, o titular de Presidencia referiuse á morte de dúas persoas esta fin de semana subliñando que “que se estean producindo mortes sucesivas debido a enfrontamentos violentos entre grupos indica que existe xa un nivel de organización delictuosa que debe ter unha resposta axeitada”. Lembrou que a decisión final sobre a creación de novas xurisdiccións específicas na ría de Arousa depende do Poder Xudicial, e asegurou que a Xunta “garantirá que existan os medios materiais e humanos necesarios ao servizo desas unidades que se poidan crear, porque ten que existir unha clara resposta fronte a unha actuación tan violenta”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia