Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O presidente da Xunta compromete a presentación no plazo de seis meses dun Plan Territorial Integrado do Litoral

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, comprometeuse con todos os alcaldes da Mariña a que o desenvolvemento do urbanismo nesta comarca se fará de forma concertada dende a ordenación e protección da costa, mediante un Plan Territorial Integrado do Litoral que se presentará no Parlamento nos primeiros seis meses do 2006.

O presidente do Goberno amosouse convencido de que este plan permitirá rematar cos problemas de ordenación urbanística da zona xa que ten como obxectivo racionalizar o crecemento residencial, turístico e doutras actividades no litoral galego, promovendo o asentamento en zonas máis afastadas da costa; diminuír o volume edificable e suavizar a tipoloxía construtiva na costa, procurando integrar os inmobles no contorno; e coordinar, especializar e complementar as actividades dos portos, entre outras.

Touriño salientou que o Goberno está a actuar neste momento na erradicación das prácticas abusivas sobre o que é, e debe seguir sendo, patrimonio de todos os galegos e galegas: o respecto polo territorio e a súa explotación racional e sustentable.

Plan de saneamento

Touriño, que quixo coñecer de primeira man as necesidades e demandas de A Mariña, manifestou o seu compromiso de apostar polo crecemento e a mellora da calidade de vida desta comarca.

O presidente da Xunta anuncioulles ademais que o Goberno galego elaborará un plan integral en materia de abastecemento e saneamento para toda a comarca para rematar cun dos problemas máis comúns a todos os concellos desta zona. O responsable do Goberno galego sinalou ademais que os presupostos da Xunta permitirán mellorar a calidade e potenciar os servizos educativos e sanitarios da comarca.

Desenvolvemento turístico

Touriño que deixou claro o compromiso do Goberno que preside por aproveitar “as enormes potencialidades” que ten esta comarca en materia de turismo, anuncioulles que o Goberno galego levará ao Cumio que se celebrará en xaneiro co Goberno de Asturias unha proposta de desenvolvemento turístico integral concertado entre A Mariña e Asturias.

Infraestruturas

O presidente do Goberno salientou a importancia que terá para a comarca o compromiso do Goberno galego de dar un forte impulso a vía de alta capacidade de San Cibrao con Ferrol que enlaza coa autovía do Cantábrico a través do corredor San Cibrao- Barreiros e a conexión interior Viveiro-Cabreiros que enlaza coa autovía Ferrol- Vilalba.

Neste senso destacou tamén o compromiso do Ministerio de Fomento de licitar de forma inmediata os oito tramos pendentes da Autovía do Cantábrico en Galicia co obxectivo de que en 2006 estean en obra todos os treitos da autovía.

Alcaldes asistentes á xuntanza

Á reunión que se celebrou na residencia oficial do Presidente en Monte Pío asistiron os alcaldes de Trabada, José Maria Yanes Ginzo, Lourenzá, Vidal Martínez-Sierra López, A Pontenova, Enrique Fernández González, O Viñedo, José Jesús Novo Martínez, Xove, Jesús López González, Mondoñedo, Luis Isidro Rego Valcarce, O Valadouro, Eulogio Fernández Sampayo, Ribadeo, Balbino E. Pérez Vacas, Foz, José María García Rivera, Viveiro, Melchor Roel Rivas, Barreiros, Luis Fraga Leiro, Cervo, José Insua Pernas, Burela, José María González Barcia, Alfoz, Antonio Gómez Rigueira e Ourol, Guillermo Salgueiro Abad.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia