Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Fernando X. Blanco presentará o Plan de Viabilidade de Santa Bárbara á SEPI

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, reunirase nas próximas datas co presidente da SEPI, Enrique Martínez Robles, para buscar a implicación do organismo estatal no desenvolvemento do plan de viabilidade de Santa Bárbara elaborado pola propia consellería e o comité de empresa, e acadar así unha solución de futuro para a fábrica coruñesa. Así o anunciou Fernando Blanco logo da reunión que mantivo en Santiago cos representantes do comité de empresa da Fábrica de Armas da Coruña.

Segundo explicou, o conselleiro nacionalista tamén trasladará á SEPI a necesidade de que General Dinamics cumpra os compromisos adquiridos cando mercou Santa Bárbara no plan de privatización da empresa. “Falábase de investimentos de 60 millóns de euros e unha carga de traballo de 83 millóns de euros que ata o de agora non foron realizados. O prazo do contrato de venda -subliñou- remata efectivamente o 26 de xullo, pero quedan estes seis meses para facelos”.

O titular de Innovación e Industria informou ao comité de empresa da reunión que mantivo onte en Madrid co secretario de Estado de Defensa, ao que tamén lle presentou o plan de viabilidade e co que, segundo dixo, o Ministerio de Defensa “se compromete a facer todo o posible para manter cargas de traballo e tamén a falar con General Dinamics para o cumprimento das obrigacións que ten contraídas”. Blanco explicou que o plan de viabilidade xira en torno a dous eixos fundamentais: por unha banda o mantemento da fábrica dentro do sector do armamento, polo tanto cunha relación intensa co propio Ministerio de Defensa e, por outra, unha diversificación cara aos sectores aeronáutico e eólico, para o que faría falta a adquisición de nova tecnoloxía que permita desenvolver estas actividades. “A consellería colaboraría co Ministerio de Industria para buscar fórmulas que permitan complementar os altibaixos que ten a demanda deste tipo de materiais co obxectivo de acadar unha carga de traballo suficientemente homoxénea”, explicou.

Pola súa banda, o presidente do comité de empresa, Roberto Teixido, valorou positivamente a reunión con Blanco e mostrou a súa satisfacción polo compromiso adquirido pola consellería co futuro da fábrica. “Estamos ilusionados de que efectivamente o futuro industrial de Santa Bárbara se despexe por unha vez e imos ver se estes contactos que vai manter a consellería van nesa liña; mentres nós seguiremos a reivindicar ese futuro industrial para a empresa”, resumiu.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia