Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Manuel Luís Rodríguez asume o compromiso de non utilizar baixo ningún concepto aos emigrantes como moeda de cambio electoral

O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, asumiu o compromiso, durante a inauguración do monumento levantado aos emigrantes, de “non utilizar baixo ningún concepto aos emigrantes como moeda de cambio electoral”. Na parroquia de Vilaronte de Foz (Lugo), o responsable da política de emigración do Goberno galego, sinalou que como dirixente autonómico a súa dedicación non parte só da boa vontade, senón do “compromiso real cos beneficiarios das nosas políticas, un compromiso que nos leva a actuar con eficacia e transparencia porque nin os emigrantes son unha moeda de cambio electoral nin os orzamentos de Galicia están para ser o instrumento desa moeda de cambio”.
Rodríguez, que puxo a Foz como exemplo de concello receptor de inmigración baixo criterios de integración e convivencia, asegurou que o día que vexa menoscabada “a dignidade dun emigrante ou un inmigrante como consecuencia das políticas do meu departamento, pídovos que nos recriminedes a vosa confianza porque non a merecemos”.
O secretario de Emigración vindicou a necesidade de conceder un tratamento integral aos movementos migratorios que se está a vivir no país, pois hoxe mudaron as estruturas e Galicia pasou a ser unha comunidade receptora. Nese sento, subliñou que a Secretaría que dirixe incrementará o ano entrante os orzamentos destinados a xestionar as políticas de inmigración. Galicia está na obriga de atender ao colectivo inmigrante facilitando a súa inserción social e laboral. “En certo sentido, forma parte da débeda histórica que nós, como pobo, temos cos nosos emigrantes. Galicia é un pobo solidario e esa solidariedade é a nosa mellor carta de presentación”.

Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia