Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Emilio Pérez Touriño anuncia a elaboración dun Plan de Investimentos no Medio Rural que se remitirá ao Parlamento en xaneiro

O xefe do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, anunciou que o Goberno que preside remitirá en xaneiro ao Parlamento un Plan de Investimentos no Medio Rural que terá como criterios rectores a “transparencia, a eficiencia e o reequilibrio” do interior da comunidade autónoma. O presidente tamén manifestou o seu desexo de ver firmado no vindeiro mes o Pacto Local pois, indicou, trátase dun “obxectivo histórico” no que se leva traballando moitos anos e permitirá reforzar o papel dos concellos e do municipalismo galego, o que redundará na mellora da calidade de vida e de actuación da cidadanía.

O máximo mandatario autonómico fixo estas manifestacións tras entrevistarse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Xosé Crespo, con quen abordou este novo plano de investimentos no rural e a paralización dun conxunto de obras pola Consellería que dirixe Alfredo Suárez Canal, quen tamén participou no encontro. Nesa reunión, Emilio Pérez Touriño atribuíu a parálise das actuacións comprometidas a “razóns técnicas” que facían inviable a súa execución neste ano. Así, o presidente lembrou que nos últimos tres anos a Consellería do Medio Rural tramitou unha media de 413 expedientes anuais, pero trala toma de posesión do Goberno que dirixe, en agosto pasado, se estaban a tramitar 1054 obras. “Unha situación que tecnicamente, materialmente, fisicamente facía imposible dar cumprimento ao conveniado e executalo en 2005”, explicou o xefe do Executivo galego.

Ante esta situación, explicou o presidente, a Consellería decidiu asumir as actuacións do Plan de Cooperación Local -unhas 500- que foran conveniadas ou elaboradas coa mediación da Fegamp, así como as previstas no Plano de Investimentos no Medio Rural -247 expedientes-, que xa contaban con actuacións realizadas en agosto e suspendéronse aquelas que carecían de trámites feitos. Neste punto, Emilio Pérez Touriño rexeitou calquera acusación de partidismo, pois a decisión estivo presidida por “criterios técnicos” ante a “imposibilidade de cumprir” o acordado cos concellos a esas alturas do ano.

“O máis importante é que a Consellería elaborará un Plan de Investimentos no Medio Rural en 2006 que será tramitado en xaneiro e que nace coa vocación de tentar incorporar practicamente todas as actuacións suspendidas sempre que se xusten a criterios de prioridade e ás posibilidades orzamentarias”, sinalou o titular do Goberno galego, quen explicou que este será un plan elaborado con vocación de transparencia e con criterios de eficiencia e reequilibrio” e que se tramitará no Parlamento e se lle entregara á Fegamp para que faga as súas aportacións.

O presidente da Xunta agradeceulle a Xosé Crespo a boa disposición” e a súa vontade de “cooperación institucional” neste asunto. O presidente da Fegamp valorou os criterios que rexerán o futuro plan de investimentos no rural e comprometeuse a estudialo.

O titular da Xunta reuniuse co presidente da Fegamp dado que a federación é o órgano de representación de todos os concellos de Galicia e porque a parálise de obras afectaba a municipios de todas as cores políticas.

Pacto Local

Respecto ao Pacto Local, o xefe do Executivo galego amosou o seu desexo de que se asine en xaneiro pois é un obxectivo do seu Goberno e de todas as administracións públicas, “un obxectivo histórico no que se traballa dende hai moitos anos” e que permitirá, na súa opinión, reforzar o papel dos concellos e a mellora da calidade de vida dos cidadáns. Por iso, agradeceu a dispoñibilidade da Fegamp para “facelo certo” canto antes. Xosé Crespo tamén valorou o “esforzo importante” da Xunta de Galicia para dar cumprimento a este pacto e amosouse confiado en poder asinalo o vindeiro mes pois “as posturas están moi cercanas”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia