Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Manuel Luís Rodríguez anuncia a convocatoria dun premio que recoñeza as iniciativas que fomenten a inserción inmigrante desde unha perspectiva integral e innovadora

O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, anunciou en Pontevedra, trala reunión mantida co alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, a próxima convocatoria dun premio que recoñeza e difunda aqueles “proxectos, iniciativas ou programas, ben sexa de concellos ou de asociacións, que fomenten a inserción social, laboral e cultural do colectivo inmigrante desde unha óptica integral e innovadora”. A iniciativa activarase a comezos de 2006 e premiará a excelencia, as boas prácticas e a eficacia nun servizo que é necesario para os inmigrantes e para os cidadáns galegos.
Manuel Luís Rodríguez subliñou a necesidade de propiciar, desde as administracións autonómica e municipal, unha integración harmónica e sen traumas dun colectivo “claramente desfavorecido e que necesita da nosa solidariedade”. Neste sentido, ponderou a importancia de traballar desde os principios de xustiza social e respecto ás persoas, para dese xeito acadar unha sociedade máis plural e tolerante. Ao tempo, chamou a atención sobre o perigo de “caer na caridade ou na axuda de emerxencia” cando se trata con persoas inmigrantes.

O secretario xeral significou a labor “eficaz e innovadora” executada desde a concellaría de asuntos sociais do Concello de Pontevedra, á fronte da que se atopa Margarita Castejón, capaz de atender con “recursos limitados as necesidades básicas do colectivo inmigrante” nun municipio que en cinco anos viu como se multiplicaba por catro a súa poboación estranxeira, pasando a ser, segundo datos de decembro deste ano, de 2.945 persoas. Iniciativas como a publicación da Guía do Inmigrante, impulsada desde o departamento de servizos sociais, “son as que a Secretaría terá en conta a partir de 2006, co obxectivo de que as boas prácticas que promove se contaxien a outras entidades”.

Colaboración cos concellos

O reforzo da colaboración entre a Secretaría Xeral de Emigración e os entes locais foi outro dos capítulos que subliñou Manuel Luís Rodríguez trala reunión con Fernández Lores. A Xunta avoga por “potenciar” o compromiso cos concellos, en tanto que son as “institucións máis próximas aos cidadáns e ás que primeiro acoden os colectivos de inmigrantes, retornados e desprazados”.
A visita institucional do secretario de Emigración ao Concello de Pontevedra serviu, asemade, para presentar o convenio recentemente asinado entre ambas institucións, e que cun valor de 90.000 euros, permitirá reforzar a actividade da Oficina de Atención a Inmigrantes. A promoción dunha imaxe positiva da inmigración, a difusión de información sobre orientación e inserción social e laboral, ou a posta en valor de interculturalidade serán algunhas das actividades que se impulsarán desde a concellaría de servizos sociais.

Fernández Lores sinalou, pola súa parte, que “é a primeira vez que a Xunta de Galicia asina un convenio co Concello de Pontevedra para facilitar a integración laboral, social e cultural dos inmigrantes. Antes non foi posible porque non había intención de colaborar con este Concello”. O alcalde vaticinou, ante o cambio no Goberno galego, unha colaboración frutífera no futuro, xa que a política a desenvolver pola Secretaría Xeral de Emigración pasa pola “colaboración cos concellos porque entende que a primeira porta onde petan os inmigrantes son as institucións locais”.
Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia