Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Santiago Domínguez, satisfeito polo grao de cumprimento do convenio coa Deputación de A Coruña

O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez OIveira, reuniuse co vicepresidente da Deputación Provincial de A Coruña, Xaime Bello, para repasar o grao de cumprimento do convenio firmado entre ambas institucións en materia de infraestruturas deportivas.

Os representantes de ambas institucións manifestáronse moi satisfeitos da marcha das obras, xa que a maior parte atópanse dentro dos prazos previstos. A única dificultade que atoparon foi en dúas actuacións previstas en Culleredo e Abegondo que quedaron sen dotación orzamentaria xa que “o diñeiro desviouse a outros concellos que non estaban incluídos no convenio. A pesar de todo, tentaremos acometer esas obras no 2006 ou ben no 2007”.

Ademais, Santiago Domínguez Olveira aproveitou a súa visita á Deputación de A Coruña para aclarar que “non é verdade que nos negaramos a reformar as pistas do INEF en Bastiagueiro como dixo o PP. Iso é unha noticia absolutamente falsa e tendenciosa. A realidade é que o PP presentou unha proposición non de lei na que pedía que a Xunta de Galicia procedese á recuperación da titularidade das pistas de atletismo do INEF e nós contestamos que non tiña moito senso recuperar algo que antes cedemos á Universidade”. O máximo responsable da Xunta explicou que “en ningún momento pedía o parlamentario popular que fixésemos as obras como aseguran agora, só que recuperásemos a titularidade das pistas. Ademais, na nosa resposta xa anunciamos que temos previsto proceder á mellora desta instalación durante o ano 2006”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia