Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

2004 e 2005 foron os anos máis secos en Compostela desde 1992 Segundo datos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC

A precipitación recollida en 2005 na cidade de Santiago de Compostela, 1.404,8 litros/m2, foi moi semellante á de 2004, cando se contabilizaron 1.401,4 l/ m2, sendo por tanto estes dous últimos anos os máis secos desde 1992, con 1.396,7 litros. Dos datos empregados polo observatorio da USC, centro colaborador do Instituto Nacional de Meteoroloxía, despréndese que a media dos últimos vinte anos se sitúa en 1.854,9 litros.

No informe, o director do Observatorio, José Ángel Docobo, explica que, a diferencia de 2004 “onde agosto fora un mes anormalmente chuvioso”, en 2005 ese mes voltou a valores “máis propios da estación con tan só 21,9 l/ m2”. Tamén estiveron por baixo dos 100 l/ m2 os meses de xuño, xullo, setembro así como xaneiro e febreiro, “sendo loxicamente máis chamativo nestes dous últimos casos”, matiza Docobo. Seguindo coa análise pluviométrica, outubro destacou como mes chuvioso por excelencia, rexistrándose 295,2 l/ m2 en 24 días, e o 1 de novembro resultou ser o día de máis precipitación do ano con 60,2 l/ m2, seguido do 1 de decembro con 58,3 litros.

En xeral, foron 170 as xornadas de choiva en Santiago, o que representa un 46,6% dos días do ano, “se ben en 22 deles a precipitación foi inapreciable”, explica o profesor Docobo, quen detalla que “tan só en 9 xornadas caeron mais de 30 l/ m2”, ademais de nevaren dous días en febreiro e un en marzo.

Temperaturas

En 2005 Santiago tivo 20 días con máxima superior aos 30º (7 en agosto, 6 en xullo, 5 en xuño e 2 en setembro), mentres que a máxima se situou entre 25º e 30º en 57 xornadas entre marzo e outubro. As temperaturas baixo cero sufríronse en 12 ocasións (5 en marzo, 3 en febreiro e decembro e 1 en novembro).

A máxima de 2005, segundo os datos do Observatorio, foi de 35,5º o 17 de xuño ás 16:32 horas e o 20 de xullo ás 16:09. Pola súa banda, a temperatura mínima rexistrouse ás 8:06 horas do día 2 de marzo, sendo de -4,2º. Xa o 26 de novembro tivo lugar a máxima máis baixa con tan só 5,5º, mentres que o 26 de xullo a temperatura non baixou dos 18,2º.

Insolación

Ao longo de 2005 medíronse no Observatorio Astronómico Ramón María Aller un total de 2.241 horas e 35 minutos de insolación, o que representa un 51,2% das horas posibles. Segundo o director do Observatorio, este rexistro “supera dabondo a media dos últimos anos”, situada en 1.978,8 horas.

Contabilizáronse ademais 58 dias sen Sol, “aínda que no outro extremo cómpre salientar que en 112 días o astro rei brilou máis de 9 horas en Compostela”, remata o informe.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)